Iria Muñoz, gañadora do concurso do deseño da camiseta do Día das Letras Galegas en Tomiño

Redacción

A proposta gañadora, escollida polo xurado integrado por mocidade voluntaria, incorpora referencias á cultura galega contemporánea e ao imaxinario colectivo de varias xeracións

Tomiño xa ten a imaxe que vestirá o Día das Letras Galegas: unha creación que fala de presente, de memoria e de orgullo colectivo a través dun deseño que conecta xeracións e linguaxes culturais distintas. Iria Muñoz de Santiago é a gañadora do concurso de deseño da camiseta conmemorativa do 17 de maio do Concello, co que cada ano se ofrece un lenzo en branco para conmemorar con enxeño e creatividade a cultura e a lingua galega, fomentando o seu uso en todos os eidos.

Natural de Figueiró e cunha forte vinculación con Goián, a autora atópase actualmente en Euskal Herria, onde estuda pedagoxía en Musikene e dirixe dous coros de persoas maiores de 65 anos. Participar no concurso, segundo explicou, “permitiume seguir conectada con Galicia, por iso participo cada ano”.

O deseño premiado propón unha fusión de conceptos do panorama musical galego contemporáneo, incorporando referencias a unha canción de Ortiga para o texto e símbolos da cultura pop como as Bratz, que serven como ponte entre xeracións. A autora explica que, “aínda sendo do rural e valorándoo profundamente, quixen introducir elementos non tan habituais neste contexto pero que forman parte tamén da nosa infancia e da nosa identidade cultural”. Para darlle un toque local, incluíu os letreiros de Ceibe e Chamán, lugares emblemáticos de baile de Goián onde “as mociñas ían ao baile”, lembrando unha época na que a parroquia con 2.000 habitantes contaba con gran dinamismo cultural, con cine, discoteca e intensa actividade social.

O xurado, integrado polo grupo de mocidade voluntaria de Tomiño, destacou tamén a presenza no deseño da Serea de Castelao, símbolo da defensa da lingua e da identidade galega. Segundo sinalaron, trátase dunha obra que combina creatividade, identidade e lectura contemporánea do legado cultural.

Nesta edición, o segundo premio foi para o deseño “Falamos para non ser invisibles”, de Cruz Domínguez Claro, mentres que o terceiro posto recaeu en “Vou nun rato”, de Sara González.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, puxo en valor a participación da mocidade neste proceso creativo e sinalou que este tipo de iniciativas “demostran que a nosa rapazada non só ten talento, senón tamén unha ollada moi consciente sobre quen somos e cara a onde queremos ir como pobo. É moi importante que sexan eles e elas quen interpreten e expresen as Letras Galegas desde a súa propia realidade, porque iso garante que a nosa cultura siga viva e en evolución”.

O Concello destaca que este concurso forma parte da programación do Día das Letras Galegas e consolídase como un espazo de participación xuvenil e de promoción da creación artística local. A camiseta co deseño de Iria Muñoz será entregado ata agotar existencias ás persoas participantes na Feira do Libro en Galego que se celebrará o domingo 17 de maio na Praza do Seixo.

Comparte este artigo