O Concello de Ponteareas convértese estes días en espazo de creación artística coa celebración da residencia de ensaios do espectáculo teatral “Somos os monstros”, unha montaxe inclusiva e accesible para público a partir de 10 anos que se está a desenvolver na vila no marco da residencia artística Artistea, impulsada polo Concello de Ponteareas.
Durante a súa estadía no municipio, o equipo artístico e técnico da produción traballa nos últimos ensaios desta proposta escénica contemporánea antes da súa estrea oficial, prevista para o próximo 22 de maio, no Salón Teatro de Santiago de Compostela.
No marco desta residencia artística celebrarase tamén un ensaio aberto á cidadanía o próximo sábado 16 de maio ás 11:30 horas no Auditorio Reveriano Soutullo, con entrada libre ata completar aforo. Esta actividade permitirá ao público achegarse ao proceso de creación da obra e coñecer desde dentro o traballo previo á estrea.
O ensaio aberto forma parte aínda do proceso de traballo da montaxe, polo que non contará con todas as medidas de accesibilidade que si estarán incorporadas nas funcións oficiais.
Desde o Concello de Ponteareas anímase á cidadanía a participar nesta experiencia cultural única, que permitirá descubrir desde dentro o proceso de creación dunha proposta contemporánea, innovadora e comprometida coa accesibilidade e a inclusión.
A obra está dirixida por Magda Labarga e é unha coprodución entre Berrobambán (Galicia), Terra Amarela (Portugal), Comédias do Minho (Portugal) e o Centro Dramático Galego. Na residencia participan cinco actrices e actores de Galicia, Euskadi e Portugal, ademais do equipo técnico e artístico das compañías participantes.
“Somos os monstros” aborda cuestións como a diferenza, o medo e aquilo que socialmente se considera “monstruoso”, integrando nunha mesma linguaxe escénica a palabra, a lingua de signos, o corpo, a imaxe e o son. O elenco conta ademais cunha actriz e un actor xordos que empregan a lingua de signos como parte esencial da representación. A montaxe está especialmente deseñada para ser accesible a persoas cegas, xordas e con outras diversidades funcionais, incorporando a accesibilidade desde o propio proceso creativo e artístico.

