O pavillón de Goián será a sede da Liga Galega de Equipos o vindeiro domingo 24 de maio a partir das 09.30 h
Tomiño, 18 de maio de 2026.- Tomiño converterase no epicentro do deporte de raqueta de moda o vindeiro domingo 24 de maio a partir das 09.30 horas. O Club Pickleball Baixo Miño organiza coa colaboración do Concello no Pavillón de Goián a Primeira Fase da terceira xornada da I Liga Federada de Equipos, evento oficial baixo o selo da Federación Galega de Tenis.
Tras o adiamento da fase inicial en Gondomar debido ás inclemencias meteorolóxicas, e despois de disputar a segunda fase no CC Mercantil de Vigo, a competición chega a Goián coa máxima emoción. Os equipos que se verán as caras na pista son:
- Club Pickleball Baixo Miño (Anfitrión)
- CC Mercantil de Vigo (Grupo C)
- Club Tenis Gondomar (Grupo B)
- C.D. Dereito Empresarial (Grupo A)
Formato de competición e regras
Os asistentes poderán desfrutar dun despregamento total da disciplina, con enfrontamentos nas categorías de Dobres Masculinos, Dobres Femininos, Individual Masculino, Individual Feminino e Dobres Mixtos.
Os partidos disputaranse ao mellor de tres sets de 11 puntos, utilizando o dinámico sistema de marcador Rally Scoring. Para garantir a máxima tensión competitiva, aplicarase a “conxelación” no punto 10 (onde só se pode sumar co servizo) e, en caso de empate extremo a 13-13, o set decidirase mediante a emocionante “bóla de ouro”.
Contexto da clasificación
A competición chega a Tomiño tras unha vibrante segunda xornada celebrada o pasado 10 de maio no CC Mercantil de Vigo. A clasificación actual sitúa ao equipo local nunha posición de privilexio:
- 1º Posto: CC Mercantil de Vigo (Grupo C) con 13 puntos
- 2º Posto: Club Pickleball Baixo Miño con 12 puntos
- 3º Posto: Club Tenis Gondomar (Grupo B) con 0 puntos
- 4º Posto: C.D. Dereito Empresarial (Grupo A) con 0 puntos (inc.)
Unha invitación ao deporte
Dende o Club Pickleball Baixo Miño e do Concello convídase a toda a veciñanza da comarca e persoas afeccionadas ao deporte a achegarse ao Pavillón de Goián nesta oportunidade única para descubrir en vivo a axilidade e diversión do pickleball nunha mañá de convivencia deportiva e alta competición.
Pé de foto adxunta: O equipo do Club Pickleball Baixo Miño durante a anterior xornada de liga disputada nas instalacións do CC Mercantil de Vigo.

