O Concello de Baiona instalou hoxe martes 12 de maio, unha gran lona artística na Praza do Concello, unha intervención visual que busca poñer en valor a identidade histórica, mariñeira, cultural e turística da vila a través dunha obra creada polo estudo baionés de ilustración Papelier, situado na rúa Ventura Misa, 56.
A obra, de 32 metros de lonxitude, representa un percorrido visual por Baiona desde Santa Marta ata o Faro de Silleiro, pasando por algúns dos espazos máis emblemáticos do municipio, como o centro histórico ou a Fortaleza de Monterreal, integrando ademais referencias ás tradicións locais, á gastronomía, ao mar e ás actividades deportivas que forman parte da vida diaria da vila.
O alcalde de Baiona destacou que “esta lona representa a alma de Baiona e todo aquilo que nos define como vila: o noso patrimonio, a nosa relación co mar, as nosas tradicións e tamén a capacidade de seguir proxectando unha imaxe moderna e atractiva do municipio”. O rexedor sinalou ademais que “apostar polo talento local para unha actuación deste tipo é tamén unha forma de apoiar a creatividade e o tecido cultural de Baiona”.
Desde o estudo Papelier explican que o obxectivo da obra foi “crear unha imaxe global que reunise nunha única ilustración os principais valores de Baiona, desde o turismo e o patrimonio ata as tradicións, a gastronomía ou as actividades deportivas e marítimas”. Os artistas sinalan tamén que a elección da acuarela e dos tons azul e vermello responde á vontade de “crear unha imaxe elegante, dinámica e moi vinculada á identidade visual da vila, inspirándonos nas cores da bandeira e do escudo de Baiona”.
O mural enmárcase dentro das accións impulsadas polo Concello para continuar mellorando a imaxe urbana do municipio e reforzar a súa proxección turística e cultural, apostando ademais pola colaboración con profesionais e empresas creativas da propia vila.

