O Rosal conmemorou o Día das Letras Galegas coa gran festa da sostibilidade

Redacción

A terceira edición do Rula Roupa reuniu o pasado 17 de maio a centos de persoas nunha xornada de economía circular, música, lingua e lecer en familia

A roupa usada deixou de ser pasado para converterse en protagonista dun futuro máis sostible. O Rosal consolidou este domingo o seu mercado de segunda man Rula Roupa cunha terceira edición que transformou a Praza do Calvario nun espazo cheo de vida, actividade e compromiso ambiental, reunindo a centos de persoas arredor da reutilización, da cultura e do lecer familiar.

Ao longo de toda a xornada, veciñanza e visitantes percorreron os postos de roupa e complementos de segunda man instalados na praza, nun evento que volveu demostrar que a economía circular pode ser tamén unha experiencia atractiva, dinámica e pensada para todos os públicos. O mercado completouse con food trucks e cun amplo programa de actividades paralelas que fixeron do Calvario un auténtico punto de encontro interxeracional.

A música puxo banda sonora á cita coa sesión vermú de Kwai Chang Caine e co concerto de Deixandar e os gaiteiros de Xistra, nunha programación que coincidiu ademais coa celebración do Día das Letras Galegas. As gaitas, a música tradicional e a reivindicación da identidade galega mesturáronse nun ambiente festivo no que tamén houbo espazo para a creatividade e o xogo da man do obradoiro de pulseiras, colares e monicreques con roupa reciclada e do espectáculo infantil do Mago Charlangas, que fixo as delicias da cativada.

Como subliñou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “esta iniciativa vai moito máis alá dun mercado puntual. Co Rula Roupa Rosal estamos promovendo hábitos de consumo máis responsables, fomentando a reutilización e demostrando que outro modelo de consumo é posible. Ademais, facémolo creando comunidade e enchendo as rúas de vida”.

A rexedora agradeceu a implicación de todas as persoas, colectivos e entidades participantes e puxo tamén en valor a conexión entre sustentabilidade e cultura “nunha xornada na que tamén celebramos as nosas Letras Galegas, facendo soar a nosa música e reivindicando a nosa identidade desde a rúa, compartindo espazo e celebración”.

Pola súa banda, o concelleiro de Comercio, Alejandro González, destacou que “o Rula Roupa Rosal consolídase como unha proposta innovadora e necesaria, capaz de unir comercio sostible, participación cidadá e dinamización local. Conseguimos que a moda de segunda man e a economía circular sexan tamén unha experiencia divertida, accesible e atractiva para toda a familia”.

Comparte este artigo