O Concello abre a inscrición de ConciliaTEA Verán 2026 para facilitar a conciliación das familias de Ponteareas

Redacción

O programa ofrece actividades educativas e de lecer para nenos e nenas de 3 a 12 anos en xullo e agosto, con plan madruga e presenza tamén nas parroquias

O Concello de Ponteareas informa da apertura do prazo de inscrición para participar nos campamentos “ConciliaTEA Verán 2026”, un programa impulsado para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral durante os meses de verán a través dunha oferta de lecer educativo e inclusivo dirixida a menores de entre 3 e 12 anos.

O principal obxectivo deste programa é poñer as persoas no centro: apoiar ás familias, facilitar a súa organización durante o verán e ofrecer aos nenos e nenas un espazo seguro, educativo, inclusivo e de convivencia.

Os campamentos desenvolveranse durante os meses de xullo e agosto, de luns a venres e en horario de 9:00 a 14:00 horas, agás festivos. Ademais, as familias terán á súa disposición a opción de plan madruga desde as 7:30 horas.

Nesta edición ofreceranse dúas modalidades diferenciadas. Por unha banda, o “TEA Verán Urbano”, que terá lugar no CEIP Plurilingüe As Veigas. Por outra, o “Campamento Rural de Verán”, que se desenvolverá en catro parroquias do municipio, cunha quincena natural en cada unha delas, achegando así esta programación tamén ao rural ponteareán.

O concelleiro de Ensino, Ricardo González, sinala que “este programa combina conciliación, educación e lecer, pero sobre todo ofrece tranquilidade ás familias e unha experiencia positiva para os nenos e nenas”.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, subliña que “ConciliaTEA nace para dar resposta a unha necesidade real das familias: poder conciliar durante os meses de verán sabendo que os seus fillos e fillas están nun espazo seguro, atendido e con actividades de calidade”.

Castro destaca que “para este goberno local o primeiro son as persoas, e por iso seguimos impulsando servizos que axudan no día a día das familias, tanto no casco urbano como nas parroquias, achegando oportunidades tamén ao rural”.

As persoas interesadas poden realizar a súa inscrición no seguinte enlace:

https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSeN0ZhqLDpMRt6tIpiYCVnCqwHXe1b_JHSIhy9wHIjfgRGO7g/viewform

Comparte este artigo