Tomiño prepárase para abrir as portas á gran cita do viveirismo galego

Redacción

A XXI Feira de Cultivos do Baixo Miño reunirá do 22 ao 24 de maio en Goián a profesionais, empresas e público arredor do sector verde cun amplo programa de actividades

O Baixo Miño prepárase para converterse durante tres días no gran escaparate verde de Galicia. A conta atrás xa está en marcha para unha nova edición da Feira de Cultivos do Baixo Miño, unha cita que volverá transformar Tomiño nun punto de encontro cheo de cor, innovación, coñecemento e actividade arredor dun dos sectores máis importantes para a economía e identidade do territorio.

Do 22 ao 24 de maio, a Praza Pintor Antonio Fernández de Goián acollerá a XXI edición dunha feira organizada polo Concello de Tomiño e pola Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam), consolidada xa como unha das grandes referencias do viveirismo galego e un evento capaz de conectar profesionais, empresas, persoas expertas e veciñanza nun mesmo espazo aberto e participativo.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “a Feira de Cultivos é unha mostra do potencial dun sector que forma parte da alma económica e social do noso concello. Falamos dunha feira que medrou moitísimo nos últimos anos e que soubo evolucionar para achegar o viveirismo á xente, facendo partícipe á veciñanza dunha actividade esencial para Tomiño e para toda a comarca”. A rexedora salientou ademais que “esta feira representa tamén unha maneira de entender o desenvolvemento local desde a sostibilidade, a innovación e a colaboración”.

Pola súa banda, a presidenta de acuBam, Nuria Castro, puxo en valor o papel da feira como espazo de conexión entre o sector e a sociedade. “Cada edición confirma que a Feira de Cultivos é moito máis ca unha exposición profesional. É un lugar onde compartimos coñecementos, tendencias e experiencias, pero tamén onde conseguimos achegar á cidadanía o enorme traballo que hai detrás do viveirismo do Baixo Miño”, explicou. Castro destacou tamén “a capacidade da feira para reinventarse e seguir medrando cun formato máis aberto, máis dinámico e pensado para todos os públicos”.

A programación desta edición incluirá unha ampla variedade de actividades para todas as idades: expositores especializados, conferencias, obradoiros prácticos, propostas musicais e actividades divulgativas nun ambiente pensado para desfrutar ao aire libre. Entre os grandes atractivos deste ano estará a presenza do recoñecido paisaxista e divulgador Íñigo Segurola, que exercerá como padriño da edición e participará cunha das charlas centrais da feira, ou da influencer Nuska Chousa, reforzando a aposta do evento por conectar con novos públicos e por divulgar o mundo verde e o viveirismo desde formatos actuais e próximos ás novas xeracións.

Comparte este artigo