Uxía Senlle presenta en Tui o concerto “A tecedeira de soños” en homenaxe a Begoña Caamaño

Redacción

Será mañá xoves ás 20 h no Espazo Sociocultural con entrada libre

Mañá xoves, 21 de maio, ás 20 h o Espazo Sociocultural, da rúa Camilo José Cela, acollera un concerto especial de Uxía Senlle. Será a “A tecedeira de soños”, unha proposta nova e íntima de Uxía Senlle, que acompañada por Sabela da Cal, acordeón, e Rafa Oterro, guitarras, interpretará as cancións dedicadas á súa grande amiga, Begoña Caamaño, homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.

Este ano é un Día das Letras Galegas moi especial para Uxía Senlle. A artista era amiga persoal de Begoña Caamaño e, desa amizade, xurdiu a necesidade de lle render unha homenaxe desde ese vínculo afectivo tan directo. E púxose a iso. Mergullouse nos textos da escritora e xornalista viguesa, revisou os seus dous libros e compuxo os temas para este concerto que ofrece mañá en Tui.

Uxía Senlle (Sanguiñeda – Mos, 1962) é unha cantante galega de gran relevancia a nivel nacional e internacional. Foi recoñecida polo seu traballo de divulgación da poesía galega, renovación da música tradicional e fusión con outras culturas lusófonas. O seu traballo representa un punto de encontro de diferentes culturas. Creou o seu repertorio a través das súas viaxes e intercambios con músicos de Brasil, Portugal, Cabo Verde ou Guinea-Bisáu, como João Afonso, Dulce Pontes, Rui Veloso ou Tito Paris. En corenta anos de carreira lanzou doce discos polos que recibiu, entre outros, o Premio da Crítica Galicia 2016, o Premio ao Mellor álbum de música de Raíz nos Premios de música independente de España 2012 por Meu Canto, seleccionado tamén como Top of the World pola revista británica Songlines. Tamén creou e dirixiu proxectos colaborativos como Cantos na Maré, Enredadas e De tu casa a la mía.

Para a concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui, Sonsoles Vicente Solla, esta cita con Uxía arredor desta homenaxe á protagonista do Día das Letras Galegas, Begoña Caamaño, é unha ocasión excepcional para achegarnos á voz fermosa e serena de Uxía que cos poemas da súa amiga Begoña Caamaño logra unha fusión de música e literatura de grande calidade e atractivo. Esta actividade forma parte da programación de “Tui en letras” que promove esta concellería de cultura tudense.

Este espectáculo chega a Tui dentro do programa “Falaredes”  programa de dinamización do galego da Secretaría Xeral da Lingua dirixido ás entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística. Os seus obxectivos son ampliar a oferta de ocio no noso idioma en todo o territorio de Galicia, promover o uso e a valoración positiva da nosa lingua propia e apoiar os artistas que desenvolven o seu traballo en galego.

Comparte este artigo