Luis Menor pon en valor, en Funergal, a importancia do sector funerario na economía provincial como xerador de emprego estable, innovación e dinamismo empresarial

Redacción

O presidente provincial, Luis Menor, participou hoxe na visita inaugural á décimo terceira edición da Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios que ata o sábado reúne en Expourense a máis de 40 expositores de 10 países

“A provincia conta cun tecido de pequenas, medianas e grandes empresas que vertebra o territorio, que xera riqueza no noso rural e nas nosas vilas, e que demostra un grao de profesionalidade e sensibilidade exemplar”, afirmou o presidente provincial

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na visita inaugural á décimo terceira edición de Funergal, a Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios que se celebra ata o sábado en Expourense, convertendo á provincia no epicentro dun sector estratéxico para a economía provincial.

O sector funerario, ademais de cumprir cunha unha función social e humana imprescindible acompañando as familias nos momentos máis complexos da vida, é tamén un motor económico xerador de emprego estable, innovación e dinamismo empresarial, salientou Menor.

“A provincia conta cun tecido de pequenas, medianas e grandes empresas que vertebra o territorio, que xera riqueza no noso rural e nas nosas vilas, e que demostra un grao de profesionalidade e sensibilidade exemplar”, afirmou o presidente provincial.

O compromiso da Deputación con este sector materializase co apoio, un ano máis, a esta mostra bienal, a única internacional do sector na Península Ibérica, que este ano reúne a 44 expositores de 10 países, estreitando lazos entre Europa e Latinoamérica.

Este espazo, deseñado exclusivamente para o negocio, o intercambio profesional e a proxección exterior, recolle toda a cadea de valor do sector. Desde a organización agárdase unha gran afluencia de profesionais, especialmente de Portugal que representan o 35% dos profesionais acreditados.

Comparte este artigo