O concello de Nigrán celebra co CEE de Panxón e a Escola Infantil “As Dunas” o Día Mundial das Abellas no parque forestal “Os Matos-Río Táboas”

Redacción

A cativada visitou as colmeas que xestiona o CEE de Panxón e plantou especies aromáticas baixo a dirección da Brigada Forestal Municipal

O alumnado do CEE de Panxón recolectará a finais de xuño o seu primeiro mel, producido por 5 colmeas con máis de 500.000 abellas

O Concello de Nigrán celebrou esta mañá no parque forestal ‘Os Matos-Río Táboas’ o ‘Día Mundial das Abellas’ coa cativada da Escola Infantil ‘As Dunas’ e o CEE de Panxón. Así, a xornada servíu para que os máis pequenos aprenderan o proceso de produción do mel da man de dous alumnos do CEE baixo a dirección do profesor e apiculor Álvaro Rey. A continuación, acudiron xunto a Brigada Forestal Municipal a plantar especies aromáticas como lavanda, romeiro, salvia e santolinas na contorna das colmeas para favorecer a alimentación das abellas.

En xuño de 2025 o CEE de Panxón iniciou este proxecto de apicultura que a día de hoxe consta de 5 colmeares en plena produción, o que supón un mínimo de 500.000 abellas ‘traballando’ para que no mes de xullo se obteña a primeira colleita de mel. Ao marxe deste beneficio, permiten multiplicar o proceso de polinización e, polo tanto, estimula a biodiversidade e o propio equilibrio natural deste ecosistema (calcúlase que só o 2% destes insectos é o responsable do 80 % dos cultivos agrícolas que requiren polinización).

“Un parque forestal é un refuxio natural no que a engrenaxe da natureza funciona de xeito autónomo, o Concello o que está a facer é axudar a que bote a andar por si mesma, buscamos ese equilibrio e esa sinerxia”, explica o alcalde, Juan González, quen participou na xornada xunto á concelleira de Educación, Estela Pérez.

“As abellas son os grandes polinizadores deste mundo e están diminuíndo a súa poboación pola enfermidade da varroa, o efecto dos pesticidas e a canibalización das velutinas, por iso é especialmente importante protexelas, sen elas este mundo non existiría”, explican desde a Brigada Forestal Municipal, responsable tamén de inocular cogomelos shiitake nos tocos de eucalipto para, ao mesmo tempo, garantir a eliminación natural desta invasora. “As caixas niño que puxemos para as aves, a introdución do shiitake e isto forman parte do mesmo obxectivo: garantir que o parque sexa sostible por si mesmo”, incide o alcalde, quen pon como exemplo desta interrelación o feito de que as propias abellas serán a súa vez alimento para os paxaros.

Parque Forestal Os Matos-Río Táboas

Este será o primeiro parque forestal da comarca, situado na zona do Río Matos-Táboas (no monte comunal das parroquias de Camos e Chandebrito). Este espazo natural vertebrado pola fraga do río Táboas ubícase en 42 hectáreas de terreo totalmente calcinadas nos incendios de 2017, 30 delas pertencen á Comunidade de Montes de Camos (parcelas de Castelo e As Chans) e 12 á de Chandebrito (As Rozadas). O obxectivo no que se está a traballar é crear un espazo de recreo libre e público, con valores naturais, culturais e paisaxísticos únicos que están sendo recuperados, conservados e promovidos. Este lugar terá unha función social e servirá de protección aos núcleos de poboación máis próximos.

A súa transformación consiste na erradicación completa das especies invasoras e a realización de plantacións e, nunha segunda fase, creación de espazos públicos, restauración dos muíños, posta en valor dos petroglifos… Na parte central, en 6,5 ha, contémplase un arboreto representativo dos bosques galegos. Ademais, en dúas zonas con abundante pedregosidade e afloramentos rochosos (5,7 ha) plantaranse carballos autóctonos para reter o terreo e, finalmente, nas dúas valgadas naturais existentes (1,92 ha do extremo sur e leste) reforestarase con frondosas autóctonas.

O parque forestal contempla medidas naturais de prevención e defensa contra os incendios (faixas de xestión da biomasa); de posta en valor dos elementos patrimoniais e culturais (protección dos xacementos); medidas de posta en valor dos elementos sociais e de uso público contemplando a accesibilidade para todos (creación dunha área recreativa en O Serradouro e As Rozadas, a pimeira delas inclúe zona de aparcamento; acondicionamento do miradoiro de O Castelo ou creación dunha ruta de subida ao mesmo); medidas de sinalización, promoción e interpretación dos valores do parque forestal (paneis, pictogramas, sinalizacións, códigos QR…)

Comparte este artigo