- A iniciativa celebrarase os días 22, 23 e 24 de maio co obxectivo de dinamizar a hostalería local
- As persoas que se animen a probar os petiscos poderán realizar o percorrido polos locais adheridos conseguindo os selos e optando a diferentes premios
A Guarda acollerá dende mañá, venres 22 de maio, a primeira edición de “La Ruta de las Tapas de A Guarda”, unha iniciativa organizada polo bar O Soriano coa colaboración do Concello da Guarda e na que participarán un total de 12 establecementos hostaleiros do municipio.
A proposta nace coa finalidade de impulsar e dinamizar a hostalería local, favorecendo a actividade económica do sector e contribuíndo á creación de ambiente nas rúas da vila durante tres xornadas, 22, 23 e 24 de maio, nas que veciñanza e visitantes poderán gozar dunha ampla variedade de elaboracións gastronómicas.
Cada un dos locais participantes ofrecerá unha tapa de elaboración libre a un prezo único de 2,50 euros, unha fórmula coa que se busca unificar a oferta da ruta e facilitar a participación do público. O prezo da bebida será establecido libremente por cada establecemento.
Os establecementos participantes nesta edición e os horarios nos que terán dispoñible a súa tapa son os seguintes:
- Alameda (11:00 – 14:00 e 18:00 – 20:00 horas)
- Oasis (12:00 – 22:00 horas)
- Barros, O cabaqueiro e A máis bonita (11:00 – 00:00 horas)
- Petiscos e Tapas (13:00 – 16:00 e 20:00 – 00:00 horas)
- Social (16:00 – 21:00 horas)
- O Soriano (11:30 – 15:00 e 19:30-22:00 horas)
- Art Café (11:30 – 15:00 e 19:30 – 22:00 horas)
- Ni tan mal (11:00 – 20:00 horas)
- Terra verde (11:00 – 00:00 horas)
- Almorzos do camiño (11:00 -14:00 horas)
Ademais da experiencia gastronómica, a iniciativa contará cun sistema de participación mediante selado en cada local. As persoas asistentes poderán completar un percorrido polos distintos establecementos adheridos e, unha vez obtidos todos os selos, optar a diversos premios.

