O concello de Nigrán continúa este domingo con “Noar 4” o seu ciclo “Primavera de Jazz” no Auditorio Municipal

Redacción

O cuarteto está liderado por Iago Marta á guitarra e Rubén Fernández á voz, ampliándose nesta cita con Yudit Almeida (contrabaixo e voz) e Zalo Rodríguez (electrónica e teclados).

Como todos os concertos, a entrada é de balde ata completar aforo. O ciclo finaliza o 30 de maio con ‘Juzz’, banda liderada polo guitarrista Virxilio da Silva

O Concello de Nigrán continúa este domingo 24 de maio o seu cuarto ciclo ‘Primavera de Jazz’ (20:30 horas, Auditorio Municipal) co concerto de ‘Noar 4’ que estaba previsto para o 25 de abril pero que se adiou a esta nova data por indisposición dun dos seus músicos. O cartel que inaugurou o pasado 28 de marzo o pianista vigués Iago Vázquez reúne novamente a músicos galegos de culto internacional en tres citas imprescindibles para os amantes deste xénero. Así, tras esta segunda cita, o ciclo finaliza o 30 de maio con ‘Juzz’, banda liderada polo guitarrista Virxilio da Silva. Todos estes concertos son de balde ata completar aforo e contan co apoio da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do ‘Plan + Provincia’.

NOAR

Noar é a nova proposta musical liderada por Iago Marta (guitarra) e Rubén Fernández (voz), dous experimentados músicos da escena galega. Nesta ocasión e como fan habitualmente, mudan a cuarteto coa incorporación de Yudit Almeida (contrabaixo e voz) e Zalo Rodríguez (electrónica e teclados), para ofrecer un formato máis amplo das músicas de Noar. Coa mesma esencia que caracterizaba o seu derradeiro disco, ‘Ao vivo’, o seu novo traballo amplía horizontes á canción de autor e ao pop, coas pinceladas de jazz e experimentación que están sempre presentes nos universos musicais deste proxecto.

Comparte este artigo