Os socialistas responsabilizan ao alcalde de deixar escapar 1,1 millóns destinados á recuperación e posta en valor das Torres de Oeste
A Agrupación Socialista de Catoira responsabiliza ao alcalde, Xoán Castaño, da perda dunha subvención estatal de 1.119.855 euros destinada á recuperación e posta en valor do entorno das Torres de Oeste, un dos principais símbolos patrimoniais e turísticos do municipio, non sendo a única axuda que Catoira deixou de perceber pola incapacidade na xestión do actual goberno nacionalista. O PSOE local considera que esta perda “é a consecuencia directa da inoperancia, a desidia e a falta absoluta de xestión do actual rexedor”.
Segundo explican, o Ministerio de Industria e Turismo requiriu en abril de 2024 documentación adicional para o expediente tramitado polo anterior goberno de Alberto García no ano 2023, pero o Concello “non moveu un dedo” para achegar o que se lle pedía.
“O resultado é devastador: Catoira perde unha das maiores achegas económicas recibidas nunca para o seu patrimonio”, lamentan.
A memoria do proxecto lembraba o intenso traballo municipal desenvolvido durante anos para situar a cultura vikinga como sinal de identidade, ata converter Catoira no primeiro municipio español integrado na Ruta de los Vikingos do Consello de Europa. A subvención permitía continuar ese camiño con actuacións clave nun entorno declarado Ben de Interese Cultural.
Entre as intervencións previstas —e agora perdidas— figuraban a mellora da accesibilidade, a renovación das pasarelas de madeira con máis de 30 anos, a creación dunha nova pasarela paralela para garantir a seguridade das persoas visitantes, e a instalación dun sistema de vixilancia e control de accesos. O proxecto incluía tamén a colocación de módulos prefabricados sostibles para eliminar o tránsito de vehículos no interior do recinto.
A perda da subvención implica tamén renunciar á implantación de tecnoloxías intelixentes destinadas a reforzar a experiencia turística, como maquetas 3D do conxunto das Torres de Oeste, pensadas para atraer novos públicos e mellorar a comprensión histórica do lugar.
Os socialistas consideran “especialmente grave” que o alcalde “sexan incapaz de tramitar unha documentación básica” mentres o municipio sofre un deterioro progresivo do seu patrimonio. “Castaño non só non mellora nada, senón que deixa escapar oportunidades millonarias que xa estaban conseguidas. É un dano irreparable para Catoira e para o seu futuro turístico”, conclúen.

