A alcaldesa de Mos foi elixida por aclamación no Congreso Local celebrado esta mañá en Mos
Durante o seu discurso anunciou que volverá a ser a candidata do Partido Popular de Mos nas próximas elección municipais.
O Multiusos das Pozas acolleu este sábado o Congreso Local do Partido Popular de Mos, unha cita na que Nidia Arévalo foi proclamada por aclamación nova presidenta da formación local, tomando o relevo de Camilo Augusto ao fronte da organización.
O congreso contou coa presenza do presidente do PPdeG e da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; da secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado; e do presidente provincial do PP e da Deputación de Pontevedra, Luis López, ademais de numerosos cargos orgánicos, institucionais, afiliados e simpatizantes.
A xornada comezou coa apertura oficial do Congreso e a presentación do Comité Organizador do Congreso (COC), seguida das intervencións dos representantes do PP de Mos Julia Loureiro Campo, concelleira do PP de Mos, e Sara Pérez, de Novas Xeracións de Mos. Posteriormente tomou a palabra o presidente saínte do PP de Mos, Camilo Augusto, antes da intervención da candidata á presidencia local, Nidia Arévalo.
Durante a súa intervención, Nidia Arévalo reivindicou a transformación experimentada por Mos nas últimas décadas, asegurando que o municipio “pasou de ser un lugar de paso a converterse nun lugar para vivir, investir e construír futuro”.
A rexedora repasou algúns dos principais avances acadados nos últimos anos, destacando a aprobación do PXOM, a ampliación da rede de saneamento, a humanización de espazos públicos, a aposta pola vivenda pública, o reforzo dos servizos educativos e sociais, así como a chegada de proxectos estratéxicos como Celta 360, o Centro de Coidados Intermedios ou o desenvolvemento do Novo Puxeiros.
Arévalo defendeu tamén que este crecemento foi compatible coa conservación da identidade e da esencia das parroquias, reivindicando as tradicións, a cultura popular e o carácter rural de Mos como parte fundamental do modelo de municipio construído nos últimos anos.
Trala votación e proclamación oficial da nova presidenta do PP de Mos, interveu o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda. A continuación, desenvolveuse unha homenaxe ás distintas lexislaturas municipais entre os anos 2007 e 2023, xusto despois das intervencións de Luis López e Paula Prado.
Durante a clausura do Congreso tomou de novo a palabra Nidia Arévalo, que anunciou que volverá a ser a candidata do Partido Popular de Mos nas próximas elección municipais.
Na súa intervención apelou á unidade, á proximidade e ao traballo colectivo para afrontar os retos de futuro do municipio, marcando como obxectivo político “seguir merecendo a confianza maioritaria dos veciños” e traballar para lograr unha quinta maioría absoluta que permita “seguir garantindo estabilidade, proxectos e futuro para Mos”.
A nova presidenta local asegurou asumir esta nova responsabilidade “máis comprometida ca nunca” e reivindicou o lema “Sabemos o que quere Mos” como reflexo dunha forma de facer política “pegada á realidade de cada parroquia e ás necesidades reais da xente”.
Neste contexto, Nidia Arévalo presentou tamén o novo equipo que a acompañará nesta etapa á fronte do PP de Mos, integrado por 10 coordinadores, un por cada parroquia, xunto cos seus respectivos equipos de traballo. A esta estrutura súmanse ademais distintos coordinadores de áreas específicas, co obxectivo de reforzar a organización interna do partido, incrementar a presenza territorial e manter un contacto permanente e directo coa cidadanía.
Durante o acto déronse tamén a coñecer os nomes dos vicesecretarios da organización e do secretario local, ademais de subir ao escenario os concelleiros que forman parte do actual equipo de goberno municipal.
En total, a nova estrutura presentada por Arévalo está conformada por arredor de 30 persoas con responsabilidades orgánicas dentro dun amplo grupo de traballo integrado por unhas 140 persoas, co que o PP de Mos busca fortalecer a súa implantación local e continuar consolidando un proxecto político baseado na proximidade, na participación e no traballo en equipo.

