O Concello presenta unha nova edición da Revista Pregón, memoria viva do Corpus Christi de Ponteareas

Redacción

O Salón de Plenos do Concello de Ponteareas acolleu a presentación dunha nova edición da Revista Pregón, unha publicación xa imprescindible para comprender, conservar e difundir a historia, a tradición e o sentimento colectivo arredor do Corpus Christi de Ponteareas.

O acto reuniu a numerosos veciños e veciñas, alfombristas, articulistas e representantes da vida cultural e social da vila nunha cita que marca cada ano o inicio simbólico da programación do Corpus Christi, Festa de Interese Turístico Internacional e Ben de Interese Cultural Inmaterial.

A presentación comezou coa actuación musical dos alumnos de 6º de profesional do Conservatorio Reveriano Soutullo, Cristian Romero e Samuel Serrano, e contou coa participación do tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Juan Carlos González; do responsable da revista Pregón, Gonzalo Fernández; e da alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro.

Durante a súa intervención, Juan Carlos González puxo en valor “o enorme traballo, coñecemento e cariño que hai detrás de cada artigo”, agradecendo a colaboración desinteresada das persoas articulistas que contribúen cada ano a dar forma a unha publicación “que xa é parte da memoria colectiva de Ponteareas”. O concelleiro destacou ademais que a revista “acompaña ás familias ponteareás ao longo de todo o ano e converteuse tamén nun obxecto moi querido e esperado por moitas persoas, especialmente por aquelas que viven fóra e reciben nela un anaco da súa terra”.

Pola súa banda, Gonzalo Fernández presentou os contidos desta nova edición, facendo un percorrido polos diferentes artigos e colaboracións que conforman unha publicación que continúa medrando en diversidade temática, investigación e valor documental arredor da historia, o patrimonio, a cultura e as tradicións de Ponteareas.

A alcaldesa Nava Castro destacou no peche do acto a importancia da revista Pregón como unha ferramenta para “manter viva a memoria da nosa vila e transmitir ás novas xeracións o orgullo polas nosas raíces e tradicións”. Nava Castro agradeceu tamén “o compromiso de todas as persoas que, edición tras edición, dedican tempo, esforzo e ilusión a compartir os seus coñecementos e vivencias a través desta publicación”.

A rexedora subliñou ademais que “o Pregón é moito máis ca unha revista. É un reflexo do que somos como vila, do amor que sentimos polo Corpus Christi e da capacidade de Ponteareas para conservar e compartir o seu patrimonio cultural”.

O acto rematou cunha nova actuación musical a cargo dos alumnos do conservatorio Samuel Serrano e Leire Campos e co tradicional reparto de exemplares da revista Pregón entre o público asistente, seguido dunha fotografía de familia con todas as persoas articulistas participantes nesta edición.

Cada exemplar do Pregón é unha forma de conservar o que fomos, celebrar o que somos e transmitir ás novas xeracións o orgullo de ser de Ponteareas.

Comparte este artigo