O Concello de Mos encargou á empresa galega Pilot CCS a elaboración do novo estudo de mobilidade municipal, un proxecto estratéxico que permitirá analizar os desprazamentos e as necesidades de mobilidade do municipio co obxectivo de avanzar cara a un modelo máis seguro, eficiente e sostible.
O traballo desenvolverase conforme á metodoloxía e aos criterios establecidos nos Plans de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), incorporando unha análise integral da realidade do municipio e abordando cuestións como a mobilidade peonil, o tráfico rodado, o transporte público, a accesibilidade, a seguridade viaria e a conectividade entre os distintos núcleos de poboación, residenciais e industriais de Mos.
Un dos eixos fundamentais do estudo será a participación cidadá. Para iso, levaranse a cabo entrevistas, enquisas e procesos de consulta dirixidos á veciñanza, ao tecido comercial e empresarial e aos colectivos sociais, co obxectivo de recoller información directa sobre os hábitos de desprazamento, as necesidades detectadas e as propostas de mellora.
Este luns, día 25, iniciarase o proceso de consulta á poboación mediante enquisas distribuídas a través de códigos QR, ligazóns na páxina web municipal e accións presenciais en diferentes localizacións e entidades sociais e culturais do municipio.
O estudo permitirá dispoñer dunha radiografía actualizada da mobilidade en Mos e servirá como ferramenta técnica para planificar futuras actuacións e investimentos en materia de infraestruturas, tráfico, accesibilidade e sostibilidade.
Desde o Concello destacan que este proxecto supón “un paso importante para deseñar o Mos do futuro, escoitando á cidadanía e apostando por unha mobilidade máis moderna, accesible e adaptada ás necesidades reais do municipio”.
Pola súa banda, Pilot CCS achegará a súa experiencia técnica en planificación, análise e avaliación de servizos públicos, desenvolvendo un traballo baseado na recompilación de datos, na análise técnica e na participación social, elementos clave dentro da filosofía dos PMUS.
A elaboración do estudo desenvolverase en distintas fases durante os próximos meses e culminará coa presentación dun documento técnico que incluirá un diagnóstico detallado, propostas de actuación e liñas estratéxicas orientadas a mellorar a mobilidade e a calidade de vida no Concello de Mos.

