- O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez e a deputada provincial, María Ramallo, avanzaron que os populares defenderán este venres unha moción instando ao Estado a que deixe de prexudicar a Pontevedra e remate as actuacións pendentes.
- Rafa Domínguez detallou os 5 proxectos que centran as reclamacións: o nó de bombeiros, os continuos anegamentos da autovía de Marín (PO-11), a dragaxe do Lérez, o estado de abandono no que se atopa o antigo Edificio de Facenda, e o paseo peonil entre Pontevedra e Marín.
- “O goberno de Pedro Sánchez lamentablemente esqueceu a Pontevedra durante todos estes anos, co abandono de proxectos históricos da cidade de Pontevedra e da nosa contorna. E todo iso sempre co silencio cómplice do BNG, do que, recordo, son socios en Madrid”, indicou Rafa Domínguez.
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez e a deputada provincial, María Ramallo anunciaron hoxe que o grupo Provincial do Partido Popular na Deputación de Pontevedra presentará este venres no Pleno unha moción reclamando ao Goberno central que remate xa todas as obras e actuacións pendentes na cidade capitalina.
O vicepresidente da Deputación denunciou o abandono por parte do goberno central, do PSOE de Pedro Sánchez á cidade de Pontevedra. “O goberno de Pedro Sánchez, que vai cumprir nuns días 8 anos de goberno, lamentablemente esqueceu a Pontevedra durante todos estes anos. E podemos dicir que estes anos para a cidade de Pontevedra dan como resultado non só unha ausencia de investimento na cidade, senón o abandono de proxectos históricos da cidade de Pontevedra e da nosa contorna. E todo iso sempre co silencio cómplice do BNG, do que, recordo, son socios en Madrid”, indicou Rafa Domínguez.
Rafa Domínguez detallou o estado de parálise de cada un dos 5 proxectos que centran as reclamacións, que son: o nó de bombeiros, os continuos anegamentos da Autovía de Marín (PO-11), a dragaxe do Lérez, o estado de abandono no que se atopa o antigo edificio de Facenda e o paseo peonil entre Pontevedra e Marín.
As obras do nó de bombeiros atópanse totalmente paralizadas e sen data de continuación, deixando parada unha infraestrutura fundamental para mellorar a mobilidade e seguridade nun dos principais accesos á cidade. Os continuos anegamentos na autovía de Marín (PO-11), aínda que xa se presentaron iniciativas no Congreso esixindo solucións urxentes, nada se fixo, xa que os cortes continúan e afectan gravemente a milleiros de cidadáns, ao tráfico pesado e ao acceso ao Porto de Marín.
O pasado mes de febreiro o Estado confirmou oficialmente que non dispón dunha solución para finalizar o paseo peonil que une Pontevedra e Marín. Admite que “non pode cumprir cos requisitos legais, funcionais, ambientais e económicos” para executar o tramo pendente de arredor de 800 metros, alegando problemas estruturais.
A dragaxe do Río Lérez segue bloqueado de forma crónica. A dragaxe é unha das principais reivindicacións da cidadanía de Pontevedra desde hai décadas, xa que é unha actuación de gran importancia estratéxica para o futuro da ría. E o proxecto de rehabilitación estrutural do antigo Edificio de Facenda permanece completamente paralizado, e o edificio catalogado como Ben de Interese Cultural, está pechado desde 2010, en estado de abandono e valado debido ao progresivo deterioro do seu tellado e da súa fachada.
“Polo tanto, 5 proxectos históricos, 5 compromisos con Pontevedra do goberno socialista de Pedro Sánchez, 5 compromisos que están paralizados e que nin están nin se lles espera”, rematou Rafa Domínguez.

