Luis Menor reivindica a “necesidade” de reformar o financiamento das entidades locais na Comisión de Deputacións, Cabildos e Consells Insulares da FEMP

Redacción

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na reunión que tivo lugar na Deputación de Valencia, onde tamén insistiu na importancia de eliminar ou mellorar as regras fiscais que tanto están a “limitar as funcións dos gobernos provinciais”

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na Deputación de Valencia, na Comisión de Deputacións, Cabildos e Consells Insulares da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Na reunión, o presidente provincial reivindicou esa “necesaria” reforma do financiamento de deputacións e concellos que provén tanto do Estado como das Comunidades Autónomas.

Así mesmo, Luis Menor insistiu na importancia de eliminar ou mellorar as regras fiscais que actualmente están a “limitar tanto as funcións dos gobernos provinciais”.

Por outra banda, o presidente provincial puxo en valor a proposta de reformar diversas leis como a Lei de Contratos do Estado para axilizar este proceso, sobre todo, en concellos de menor poboación, así como todos aqueles asuntos abordados que están relacionados coa prestación de servizos e asistencia técnica que “debemos prestar a concellos de menos de 5.000 habitantes ou de reto demográfico e que, polo tanto, teñen tanta importancia  nunha provincia das nosas características”.

Finalmente, Luis Menor dixo que a reunión estivo marcada pola “utilidade e o consenso” en todos eses asuntos abordados que son prioritarios para os gobernos locais. 

Comparte este artigo