• O cartel desta edición, elaborado por Iria Lorenzo Piñeiro, foi elixido a través dun concurso realizado en colaboración cos centros educativos
A Guarda prepárase para vivir unha das súas celebracións máis emblemáticas, o Corpus Christi coas alfombras florais na honra do Santísimo 2026, unha tradición que cada ano enche as rúas da vila de cor, arte floral e participación veciñal e que este ano terá lugar o domingo 7 de xuño.
As asociacións, veciños e familiares traballan xa nos preparativos dunha celebración que pasa de xeración en xeración e que forma parte da identidade cultural guardesa. Un ano máis, as alfombras florais converterán as rúas do municipio nun gran lenzo efémero elaborado con flores, sal tinguida, café e outros elementos naturais.
A elaboración das alfombras comezará na noite do sábado, prolongándose ata a mañá do domingo, momento no que veciños e visitantes poderán desfrutar dos diferentes deseños realizados ao longo das rúas da vila. Pola tarde celebrarase a misa ás 17:30 horas e posterior procesión sobre as tradicionais alfombras florais.
Cada ano, os deseños sorprenderán pola súa creatividade e variedade temática, combinando motivos relixiosos, ornamentais e sociais, nun traballo colectivo no que participan persoas de todas as idades. Precisamente, este carácter interxeracional é un dos grandes valores desta tradición, que continúa viva grazas á implicación das asociacións e de toda a veciñanza.
Este ano, ademais, o cartel anunciador do Corpus Christi naceu dun concurso realizado en colaboración cos centros educativos da Guarda, reforzando así o vínculo da mocidade con esta tradición tan especial.
Os centros participantes foron os colexios CPR Padres Somascos – Fundación Edúcere, Colexio San José – Hermanas Carmelitas A Guarda, C.E.I.P. Plurilingüe As Solanas – Nicolás Gutiérrez Campo e CEIP Manuel Rodríguez Sinde, aos que se quere agradecer especialmente a súa implicación e entusiasmo.
O xurado encargado de seleccionar os traballos estivo formado por Mili Baz, antiga presidenta da Asociación Cultural de Alfombras da Guarda; Emilio Baz, fotógrafo guardés; e Patricia, técnica da OMIX do Concello da Guarda.
As finalistas do certame foron Amelia Villa Arzúa e Martina Baz Lomba, resultando gañadora Iria Lorenzo Piñeiro, autora do cartel desta edición do Corpus Christi 2026.
A procesión dirixirase da igrexa parroquial á praza Praza do Reló, para pasar pola rúa Ignacio Sobrino e rúa Oliva e seguir por Hernán Cortés. Alí baixarán polas escaleiras da praza José María Lomba para continuar pola rúa Malteses e Concepción Arenal ata a rúa Brasilino Álvarez Sobrino e así rematar de novo na igrexa parroquial pola rúa Antonio Alonso. Nos vindeiros días daranse a coñecer tamén as afectacións ao tráfico derivadas da celebración.

