Rafa Carracedo pronunciará este domingo o pregón do Corpus nun acto no que Ponteareas nomeará Fillos Predilectos a Alfonso Pexegueiro e Borja Gómez

Redacción

O acto institucional celebrarase ás 13:00 horas diante do Concello e reunirá cultura, deporte, inclusión e tradición nunha xornada histórica para a vila

Ponteareas celebrará este domingo, ás 13:00 horas, diante do Concello, o acto oficial de nomeamento de Alfonso Pexegueiro e Borja Gómez como Fillos Predilectos da vila, a máxima distinción honorífica concedida polo municipio. A continuación terá lugar tamén a lectura do pregón do Corpus Christi 2026, que correrá a cargo do músico ponteareán Rafael Carracedo Crespo.

O recoñecemento a Alfonso Pexegueiro e Borja Gómez foi aprobado por unanimidade no pleno ordinario celebrado o pasado 28 de abril, no que todos os grupos políticos da Corporación coincidiron en destacar as traxectorias exemplares de ambos homenaxeados e a súa contribución á proxección de Ponteareas nos ámbitos da cultura, do deporte, da inclusión e da identidade colectiva.

O acto servirá para render homenaxe pública a dúas figuras moi queridas e admiradas pola veciñanza, referentes cada un no seu ámbito e unidos polo seu compromiso coa vila.

Alfonso Pexegueiro (Angoares, 1948) é unha das voces máis destacadas da literatura galega contemporánea. Cunha extensa traxectoria creativa vinculada principalmente á poesía, pero tamén á narrativa, ao teatro e ás artes plásticas, converteuse nun referente cultural dentro e fóra de Galicia. A súa obra “Seraogna”, publicada en 1976 e inspirada na súa Angoares natal, marcou un fito na literatura galega contemporánea e mantén unha profunda conexión emocional e simbólica con Ponteareas.

Pola súa banda, Borja Gómez (Canedo, 2002) converteuse nun exemplo de superación, esforzo e inclusión a través do deporte. Integrante do Club Ciclista Ponteareas e de Discamino, foi pioneiro ao participar en competicións convencionais de ciclocross xunto a deportistas sen discapacidade, rompendo barreiras e visibilizando as capacidades das persoas con síndrome de Down. Ademais da súa traxectoria deportiva, Borja mantén unha estreita vinculación coa tradición alfombreira do Corpus Christi, formando parte activa dunha das principais señas de identidade de Ponteareas.

Tras o acto de nomeamento celebrarase a lectura oficial do pregón do Corpus Christi 2026, que este ano correrá a cargo do músico ponteareán Rafael Carracedo Crespo, unha figura de referencia no ámbito da música clásica e tradicional galega.

Natural da parroquia de Guláns e integrante da Unidade de Música da Garda Real, Rafael Carracedo conta cunha destacada traxectoria profesional tanto como trompetista e fliscornista como no ámbito da música tradicional galega. No ano 2025 acadou ademais o prestixioso Trofeo MacCrimmon do Festival Intercéltico de Lorient, considerado o máximo recoñecemento internacional no mundo da gaita.

A alcaldesa, Nava Castro, destacou que “este domingo viviremos unha xornada moi especial para Ponteareas, recoñecendo a dúas persoas que representan o mellor da nosa vila e abrindo emocionalmente o Corpus Christi cun pregón moi especial, a cargo de Rafa Carracedo, un músico ponteareán profundamente vencellado ás nosas raíces e á nosa tradición musical”.

Pola súa banda, o tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, sinala que “este acto simboliza perfectamente a esencia de Ponteareas: o orgullo polas nosas raíces, o recoñecemento ao talento e o compromiso coa nosa cultura e tradicións”.

Desde o Concello de Ponteareas convídase á cidadanía a asistir a este acto institucional e acompañar a Alfonso Pexegueiro, Borja Gómez e Rafael Carracedo nunha xornada moi especial para a historia e para o inicio das celebracións do Corpus Christi 2026.

Comparte este artigo