Alumnado no CEP Riomaior degustan un almorzo mediterráneo co programa Nutriescola

Redacción

Anpa e dirección do colexio traballan conxuntamente para frear o hábito de asistir ás aulas sen facer a primeira comida do día  

No CEP Riomaior reinventaron o curso pasado o concepto de almorzo saudable para dar inicio a unha campaña que combina hábitos alimenticios con normas básicas de comportamento na mesa e protocolo, ao tempo que permite ao alumnado descubrir múltiples posibilidades nutritivas para arrancar o día.

O obxectivo desta iniciativa é concienciar aos escolares e ás súas familias sobre a importancia de facer a primeira comida antes de comezar a xornada. Detectaron que cada vez son máis as nenas e nenos que chegan ás aulas sen almorzar, coas conseguintes consecuencias no seu rendemento e mesmo no seu comportamento.

A directora do centro, Carmen Negro, considerou necesario intervir para modificar esta tendencia e, para logralo, conta coa colaboración da Anpa, que participa tanto na financiación como na loxística necesaria para preparar, servir e recoller o almorzo para 106 menores. A iniciativa arrancou o ano pasado con almorzo francés e outro mixto, e retomouse este mañán cun  almorzo mediterráneo saudable, con pan, xamón, tomate e aceite de oliva, ademáis de leite. É unha actividade incluída no programa Nutriescolas, que promove hábitos de alimentación equilibrada e consciente entre a cativada.

“Queremos que aprendan que o almorzo é o combustible do noso corpo e sen el non poden comezar o día. Se non lles apetece leite ou cereal teñen un millar de opcións máis, pero algo teñen que comer”, explica Carmen Negro, que nesta nova sesión foi un pouco máis alá e recordou normas básicas de comportamento: por onde hai que servir aos comensais, por onde recoller os servizos ou a ubicación de vasos e tenedores nunha mesa ben posta.

O alcalde, César Poza, compartiu este  almorzo coa cativada, conversou con eles sobre gustos culinarios e interesouse polas súas preferencias. Os pequenos fixeron gala dun comportamento impecable, un aspecto que para a directora é tamén fundamental. César Poza tivo tamén ocasión de comprobar os excelentes coñecementos que teñen os alumnos de primeiro a sexto de Primaria de Primeiros Auxilios ao ofrecerse para un simulacro de actuación.

Comparte este artigo