Máis de 60 stands, milleiros de visitantes e unha programación atractiva reafirman o evento en Goián como cita imprescindible para o sector verde galego
Goián volveu converterse esta fin de semana no corazón verde de Galicia cunha Feira de Cultivos do Baixo Miño que bateu récords de participación e asistencia, consolidándose como unha das grandes citas do sector a nivel autonómico. Milleiros de persoas pasaron pola Praza Pintor Antonio Fernández, transformada nun gran espazo ao aire libre no que conviviron innovación, tradición, formación, música e divulgación arredor do mundo agro e viveirista.
A XXI edición da feira superou este ano todas as expectativas cun total de máis de 60 stands participantes, entre os que se atopaban 32 postos de artesanía e produto local no Mercado de Primavera, catro tendas efémeras e máis de 30 expositores vinculados ao sector verde entre viveiros, empresas de subministracións e ferramentas, asociacións profesionais, conserveiras como A Rosaleira, entidades sociais como Xeremprega ou mesmo o IES Antón Alonso Ríos, que un ano máis deu a coñecer o seu ciclo formativo relacionado coa profesionalización do sector.
Para o tenente de alcalde de Tomiño, Uxío Benítez, “a feira é unha cita xa consolidada e imprescindible no calendario do noso territorio. Ano tras ano medra e reafírmase como un espazo de encontro arredor dun dos piares fundamentais da nosa economía: o sector verde”. Benítez salientou ademais que “a Feira de Cultivos é hoxe un reflexo do dinamismo, da capacidade de innovación e do compromiso co territorio que caracteriza ao Baixo Miño, un sector que soubo adaptarse aos novos retos sen perder a súa esencia”.
Pola súa banda, a presidenta de acuBam, Nuria Castro, puxo en valor o carácter colectivo dun evento “que representa o esforzo de empresas, profesionais e persoas que traballan día a día por un modelo produtivo competitivo, sostible e en constante evolución”. Castro subliñou que “a feira é un escaparate do talento e da capacidade do noso territorio, pero tamén un espazo para compartir experiencias, crear sinerxías e achegar o sector á sociedade”.
Éxito absoluto das conferencias desta edición, cun público que ateigou a praza para escoitar ao paisaxista e divulgador Íñigo Segurola, que repetiu participación na feira nesta ocasión tamén como padriño e que foi un auténtico revulsivo de público na súa conferencia. Ata a bandeira de público tamén para ver á youtuber e influencer Nuska Chousa, nomeada en vivo e en directo madriña da feira e que achegou unha visión fresca e actual do agro conectando con novos públicos a través dunha divulgación directa, próxima e adaptada ás redes sociais.
Récord tamén de participación nos 14 obradoiros programados, con máis de 250 prazas, unha das ofertas máis amplas das últimas edicións que completaron prazas en apenas unhas horas, confirmando o crecente interese pola formación e o lecer vencellados ao sector verde. A programación incluíu ademais catro concertos, entre eles sesións de micros abertos para impulsar o talento emerxente, así como dúas actividades infantís pensadas para achegar a feira tamén ao público familiar.
Como novidade destacada desta edición, a Feira de Cultivos deu un paso máis na súa aposta pola profesionalización do sector coa celebración dun curso básico de aplicación de produtos fitosanitarios, unha formación orientada a profesionais e persoas interesadas en obter a certificación oficial necesaria para a compra e uso de praguicidas.
A feira repetiu ademais o seu formato ao aire libre nunha Praza Pintor Antonio Fernández convertida este ano nun auténtico museo urbano grazas aos murais realizados polo recoñecido artista Yoseba MP en homenaxe ao pintor goianés que dá nome ao espazo, unha das persoas máis queridas pola veciñanza de Goián.
Durante tres días, Goián foi moito máis ca unha feira: foi un punto de encontro para celebrar o potencial dun sector estratéxico que continúa facendo medrar o Baixo Miño desde a innovación, a sostibilidade e o arraigo ao territorio.

