Unhas 400 persoas arrouparon no Rosal a estrea do documental de ‘De avoas a netas’

Redacción

A memoria do Rosal fixo vibrar a Praza do Calvario nunha tarde cargada de emoción, orgullo colectivo e recoñecemento ás xeracións que construíron o municipio. Arredor de 400 persoas asistiron á estrea de De avoas a netas, o documental nacido dun proxecto de voluntariado interxeracional impulsado por 15 mozas e mozos rosaleiros e o Concello, unha iniciativa que pon voz ás vivencias de mulleres e homes maiores da vila para preservar e poñer en valor o patrimonio cultural, etnográfico e inmaterial do Rosal a través da memoria oral.

A peza audiovisual recolle meses de investigación, encontros e entrevistas que permitiron reconstruír a vida no Rosal durante as décadas centrais do século XX a través dunha narración coral na que se abordan cuestións como o traballo, a escola, a economía, os coidados, a cultura popular ou os costumes do territorio. Máis de vinte entrevistas en profundidade, combinadas coa consulta de arquivos históricos e bibliografía especializada, deron forma a un traballo que busca abrir unha xanela ao pasado e preservar o patrimonio do municipio. 

Comparte este artigo