O alcalde de Nigrán acude como historiador á Illa de San Simón co IES Proval

Redacción

O rexedor, autor do libro ‘Aillados. A memoria dos presos de 1936 na Illa de San Simón’ e de ‘Nigrán. Memoria dunha Guerra 1936-1939’ , ofreceu explicacións a alumnado de 4º da ESO a 2º de Bacharelato

O alcalde de Nigrán , Juan González, acudíu hoxe xunto ao alumnado do IES Proval á illa de San Simón en calidade de historiador experto na Guerra Civi e autor dos libros ‘Aillados. A memoria dos presos de 1936 na Illa de San Simón’ e de ‘Nigrán. Memoria dunha Guerra 1936-1939’ . A iniciativa forma parte dos actos deste centro educativo baixo o título ‘A memoria democrática’ e baixo os cales o rexedor xa estivera anteriormente ofrecendo unha charla a alumnado de 4º da ESO e 2º de Bacharelato. “Quen vos diga que con Franco se vivía mellor vos está enganando. Ningunha guerra trae nada bo, máximo se é unha Guerra Civil, esa é a peor de todas porque as feridas entre irmáns tardan moito en curarse”, insistíu naquela ocasión, mentres que na excursión de hoxe ofreceu a testemuña que el mesmo recolleu de primeira man dos superviventes que pasaron por este lugar e os seus familiares.

A illa de San Simón, situada na ría de Vigo (Redondela), é un lugar de profunda carga histórica en Galicia que pasou de ser un centro sanitario de fronteira para gardar a corentena e previr enfermidades como a lepra ou o cólera (1842 – 1927) a un dos campos de concentración máis sombríos e mortíferos da posguerra española (1936 – 1943), periodo este último que o rexedor investigou a fondo .

Comparte este artigo