O BNG reclama a convocatoria do Consello Escolar Municipal tras máis de tres anos sen reunirse

Redacción

Tino Iglesias denuncia que é inxustificable que o Consello Escolar Municipal leve máis de tres anos sen convocarse. Ademais, lembra que levan reclamando esta convocatoria desde xullo de 2025 e critica que o Concello nin sequera consultase ás ANPAS nin aos centros educativos sobre os asuntos a incluír na orde do día

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) solicitou, no pasado pleno municipal celebrado, o pasado 14 de maio a convocatoria do Consello Escolar Municipal (CEM), un órgano fundamental de participación democrática da comunidade educativa a nivel local que, segundo denunciou a formación nacionalista, leva sen reunirse desde abril de 2022.

A resposta do goberno local foi que están “á espera de que se presenten algúns puntos que lle dean contido” ao Consello Escolar e que, de non ser así, valorarían convocalo xa o vindeiro ano escolar. Unha explicación que o BNG considera insuficiente e mostra da falta de interese do executivo municipal pola participación educativa.

O BNG sinala que esta petición xa ten percorrido político, xa que en xullo de 2025 presentou unha moción solicitando a reactivación dos Consellos Escolares Municipais, tal e como recolle a ordenanza municipal, iniciativa que foi aprobada polo pleno da corporación. “Estamos chegando ao final do curso escolar e, malia existir un acordo plenario, o goberno local segue sen cumprir”, critican.

Desde a formación nacionalista lembran que esta cuestión foi reiteradamente formulada nas comisións informativas desde novembro de 2025. Na comisión informativa do pasado mes de abril, a concelleira nacionalista Celia García preguntou novamente por esta situación e a resposta evidenciou que o Concello nin sequera trasladara ás ANPAS nin aos centros educativos a posibilidade de propoñer asuntos para incluír na orde do día.

O concelleiro, Tino Iglesias, denuncia que “é inxustificable que o CEM leve máis de tres anos sen convocarse. O goberno local non pode seguir ignorando as necesidades dos centros educativos públicos nin da comunidade escolar da vila”.

Por todo isto, o BNG insiste en preguntar “cando pensa realmente o goberno municipal convocar o Consello Escolar Municipal” e reclama a recuperación deste órgano como ferramenta útil de participación, coordinación e defensa do ensino público en Marín.

Comparte este artigo