- A cita informativa terá lugar este xoves, 28 de maio, ás 19:30 horas no Salón de Plenos do Concello da Guarda
- A sesión abordará a comprensión da enfermidade, os tratamentos actuais e aportará claves para mellorar a calidade de vida das persoas que a padecen
O Concello da Guarda acollerá o vindeiro xoves 28 de maio ás 19:30 horas no Salón de Plenos a charla “Redefiniendo la fibromialgia: claves para recuperar tu vida”. A actividade aberta ao público está organizada por Fibromiño coa colaboración do Concello da Guarda e centrarase na divulgación e comprensión desta enfermidade crónica.
A conferencia estará impartida pola Dra. Ángela Valle, farmacéutica experta en Medicina Integrativa, terapeuta de saúde integral e divulgadora científica, quen ofrecerá unha visión ampla e actualizada sobre a fibromialxia e o seu impacto na vida diaria das persoas que a padecen.
Durante a sesión abordaranse diferentes cuestións relacionadas coa enfermidade, entre elas que é a fibromialxia e como afecta ao organismo, o denominado “círculo da fibromialxia”, os tratamentos farmacolóxicos existentes, así como a investigación actual e as novas claves de saúde que están a marcar o abordaxe desta doenza.
A charla tamén tratará os erros máis frecuentes que se cometen ao afrontar a enfermidade e ofrecerá orientación sobre como iniciar un proceso de mellora e acompañamento dende unha perspectiva integral. O encontro busca achegar información accesible, rigorosa e útil tanto para persoas afectadas como para familiares e público xeral interesado en coñecer máis sobre esta realidade.

