Ponteareas logra o compromiso do Goberno para iniciar as demandadas obras da N-120 a principios do 2027

Redacción

Representantes do goberno, corporación e directiva da Plataforma da N-120 reuníronse hoxe na Coruña co delegado do Goberno Pedro Blanco

Unha destacada delegación do Concello de Ponteareas, encabezada pola alcaldesa Nava Castro, así como representantes do goberno local, a corporación municipal e voceiros da Plataforma pola Mellora na N-120 acudiron á reunión celebrada esta mañá na Coruña con Pedro Blanco, o Delegado do Goberno en Galicia.

O obxectivo da reunión foi o de coñecer de primeira man o estado de tramitación do proxecto de mellora da seguridade viaria nesta estrada nacional ao seu paso polo municipio, logo de que o colectivo elevase as súas demandas ata o máximo representante do Executivo en Galicia. Durante o encontro, Pedro Blanco, trasladou o compromiso do Goberno para impulsar esta actuación, coa previsión de iniciar as obras a comezos do ano 2027.

Segundo se informou na reunión, o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible está rematando actualmente a redacción do proxecto construtivo, que será remitido no segundo semestre deste mesmo ano á Dirección Xeral de Estradas para a súa supervisión, aprobación e posterior licitación.

A actuación contará cun investimento estimado de 5 millóns de euros e prazo de execución de 24 meses, incluíndo a execución de sete glorietas, a creación dunha senda peonil, a reordenación dos accesos e a mellora do firme ao longo do tramo afectado, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e reducir o impacto do tráfico nunha vía pola que circulan diariamente máis de 15.000 vehículos.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, valorou moi positivamente os avances trasladados na reunión e destacou “a importancia de que por fin exista un calendario claro e un compromiso firme para unha actuación que Ponteareas leva anos reclamando e que resulta fundamental para mellorar a seguridade viaria e a calidade de vida da veciñanza”.

Nava Castro agradeceu tamén “o traballo constante e a unión da Plataforma pola Mellora na N-120, así como o respaldo e a participación da corporación municipal, que permitiron manter viva esta reivindicación colectiva durante todos estes anos ata chegar a este momento clave”.

Desde a corporación municipal insístese en que esta actuación supón unha demanda histórica da veciñanza, especialmente dos residentes e usuarios desta vía, que soportan unha elevada intensidade de tráfico e presenta importantes problemas de seguridade viaria ao seu paso polo casco urbano.

Comparte este artigo