A cita terá lugar este sábado, día 30, no Mercado de Abastos municipal co obxectivo de incentivar o consumo de proximidade.
O recoñecido cociñeiro Julio Mato ofrecerá un showcooking en directo con degustación de pratos elaborados con produtos locais.
O Concello do Porriño súmase unha edición máis á campaña «Quere o teu mercado», cunha completa programación de actividades que se celebrará este sábado, día 30, co obxectivo de promover os mercados e prazas de abastos, incentivar o consumo de produtos frescos e poñer en valor a compra de proximidade, así como a profesionalidade e o bo facer das praceiras e praceiros.
Dentro da campaña, ás 12:00h haberá un Showcooking en directo e degustación : O recoñecido e televisivo cociñeiro Julio Mato será o encargado de guiar esta exhibición culinaria. Preparará diferentes pratos en directo utilizando alimentos que se poden adquirir no propio Mercado de Abastos. Ao finalizar, haberá unha degustación gratuíta para o público. Ademais a cativada poderá gozar dunha variada oferta de obradoiros infantís, e a divertida ruleta infantil, onde poderán xogar e levar pequenos agasallos. Os adultos non se quedarán atrás, e haberá tamén sorteo para eles e elas cunha tómbola con opción a gañar diferentes produtos.
A xornada estará amenizada con música en directo para encher de vida e dinamismo as compras de toda a veciñanza.
Impulso ao produto fresco e de calidade
A concelleira de Mercados, Antía Carrera destacou a importancia de apoiar o comercio tradicional a través destas iniciativas. “Queremos animar a unha actividade de fomento do Mercado de Abastos, onde se atopa produto fresco e de calidade. Animamos a que a xente acuda aos mercados, apoie o produto local e goce de todas as propostas programadas”
No caso da praza de abastos do Porriño hai 44 postos ocupados, “terr 44 postos plenamente activo demostra a fortaleza e o motor económico que supón o comercio de proximidade para O Porriño”, asegura o alcalde, Alejandro Lorenzo, indicando que “cada compra que se fai na praza é un investimento directo na economía local, que fixa emprego e garante a viabilidade de ducias de familias autónomas e produtoras da contorna”

