- O Concello abre o prazo para axudar a sufragar os gastos de adestramento e competición dos campións galegos, españois e europeos do municipio durante este ano 2026
O Concello do Porriño acaba de publicar no BOP as bases reguladoras para a concesión de bolsas destinadas a deportistas individuais federados, correspondentes ao ano 2026. Cunha partida orzamentaria global de 25.000 euros, o obxectivo desta convocatoria é recoñecer publicamente o esforzo e apoiar economicamente aos atletas locais que acadaron os maiores éxitos deportivos nos últimos anos.
As axudas distribúense en tres categorías segundo os méritos acadados desde o 1 de xaneiro de 2021 e se distribúen en bolsas de entre 1.000 € e 1.500 €
“Queremos axudar as e os nosos deportistas, porque somos plenamente conscientes do enorme sacrificio que supón dedicarse ao deporte de alta competición, especialmente cando se compite de xeito individual. Sacrificio físico pero tamén esconómico”, explica o alcalde, engadindo que “por iso dende o concello sacamos a primeira bolsas para deportistas individuais do Porriño”
Requisitos e gastos subvencionables
Para optar a estas axudas de concorrencia non competitiva, os solicitantes deben ser maiores de idade, estar empadroados no Porriño (mínimo dous anos) ou ser Deportistas Galegos de Alto Nivel (DGAN) nados no municipio, ter licenza federativa vixente e non estar cumprindo ningunha sanción deportiva.
As bolsas están deseñadas para cubrir gastos derivados da actividade deportiva como a adquisición de material, indumentaria, inscricións en campionatos e desprazamentos (carburante ou billetes) a competicións oficiais. Quedan fóra desta convocatoria as disciplinas por equipos, parellas, dobres ou relevos, así como as probas populares ou escolares.
Os trámites pódense realizar de xeito presencial no rexistro municipal ou a través da sede electrónica do Concello, onde xa están dispoñibles os anexos editables. Teñen o prazo dun mes.
Os beneficiarios recibirán un pago anticipado do 80% da contía, mentres que o 20% restante aboarase tras a presentación da conta xustificativa, cuxa data límite será o 29 de xaneiro de 2027.

