O alumnado do Colexio Lar coñece o labor do CIM de Mos nunha charla formativa sobre atención ás mulleres e violencia de xénero

Redacción

O alumnado do Ciclo Formativo de Grao Superior de Integración Social do Colexio Lar participou nunha charla formativa impartida pola psicóloga do Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de Mos, María Martínez Conde, co obxectivo de achegar ao estudantado o funcionamento deste servizo municipal e os recursos de atención ás mulleres existentes no municipio.

A sesión, enmarcada na formación práctica do ciclo, permitiu ao alumnado coñecer de primeira man o labor que desenvolve o CIM como recurso público, gratuíto e confidencial de información, orientación e acompañamento ás mulleres en situacións de vulnerabilidade ou desigualdade.

Durante a charla explicouse o funcionamento do servizo e os distintos ámbitos de atención que ofrece o centro, entre eles o apoio psicolóxico, xurídico e social. María Martínez Conde destacou ademais a importancia da proximidade, da escoita activa e da discreción no traballo diario que se realiza desde o CIM, incidindo en que calquera muller pode acceder ao servizo de maneira directa e sen necesidade de derivación previa.

A actividade incluíu tamén un repaso polos recursos dispoñibles tanto a nivel municipal como autonómico, así como polos protocolos de actuación que se activan nos casos de violencia de xénero. Neste contexto, púxose en valor o papel que poden desempeñar as futuras e futuros profesionais da Integración Social na detección, acompañamento e derivación de posibles situacións de violencia ou vulnerabilidade.

Desde o Concello de Mos sublíñase a importancia deste tipo de iniciativas de sensibilización e formación, que permiten achegar ao alumnado a realidade dos servizos públicos de atención social e reforzar a coordinación entre os distintos ámbitos profesionais implicados na protección e apoio ás mulleres.

Comparte este artigo