O Pleno da Deputación aproba os programas BenOurense de cooperación social, que por primeira vez superan os 2 millóns de euros

Redacción
Pleno ordinario da Deputación Ourense. Asisisten Luís Menor Pérez (Presidente Deputación); Marta Nóvoa Iglesias (Vicepresidenta 1ª), Cesar Fernández Gil (Vicepresidente 2º), Plácido Álvarez Dobaño (Vicepresidente 3º), Rosendo Fernández (Deputado PPOU), Jorge Pumar Tesouro (Deputado PPOU), José Miguel Pérez Blecua (Deputado PPOU), Manuel Seoane Rodríguez (Deputado PPOU), Patricia Torres Madureira (Deputado PPOU), María del Carmen González Quintela (Deputada PPOU), José María Lago Cabo (Deputado PPOU), María Teresa Barge Bello (Deputada PPOU), Emilio Luis Díaz Vidal (Deputado PSOE), Diego Fernández Nogueira (Deputado PSOE), Eva María Pérez Gamote (Deputada PSOE), Susana Rodríguez Rodríguez (Deputada PSOE), Álvaro Vila Araujo (Deputado PSOE), Sherezade Núñez Rodríguez (Deputada PSOE); Antonio Fernández Martín (Deputado DO), Francisco Lorenzo López (Deputado DO), Rafael Martínez Cachafeiro (Deputado DO), Bernardo Varela López (Deputado BNG), Xosé Manuel Puga González (Deputado BNG), María José Mangana Guede (Deputada BNG), ), Xosé Carlos Valcárcel Doval (Grupo Mixto), Mónica Legaspi (Interventora Deputación Ourense) e Juan Marquina (Secretario Deputación Ourense).

Estes programas permiten o cofinanciamento dos servizos municipais de axuda a domicilio básica (SAF), con máis de 1,5 M€; os Puntos de Atención á Infancia (PAI) e os servizos complementarios de atención a menores, con 150.000 euros cada un; e os equipos técnicos multidisciplinares de servizos sociais comunitarios, con 300.000 euros

A orde do día incluía un asunto relacionado co Plan económico-financeiro para os anos 2025-26, cun acordo de non dispoñibilidade de créditos do vixente orzamento, procedendo a retelos para que non sexan utilizados: algo máis de 3,5 M€ relacionados con gastos de persoal que, estímase, permitirían cumprir o citado plan

No capítulo de proposicións aprobáronse iniciativas sobre as axudas polos lumes, a regularización extraordinaria de migrantes e o apoio á sanidade pública

O Pleno da Deputación de Ourense aprobou hoxe, na sesión correspondente ao mes de maio, os programas anuais de cooperación no ámbito social -BenOurense- para os 91 municipios da provincia de menos de 20.000 habitantes. Estes programas, dotados por primeira vez con máis de 2 millóns de euros, permiten o cofinanciamento dos servizos municipais de axuda a domicilio básica (SAF), os Puntos de Atención á Infancia (PAI), os servizos complementarios de atención a menores, e os equipos técnicos multidisciplinares de servizos sociais comunitarios.

Polo que respecta aos servizos municipais de axuda no fogar básica, en  2026 implantarase un novo modelo orientado á simplificación administrativa, automatización de datos e uso da IA entre administracións. A achega económica provincial poderase xustificar simplemente multiplicando as horas efectivamente prestadas por un custo de referencia, que será en 2026 de 19 euros por hora prestada.

Introduciuse ademais como novidade a xustificación ata un 35% da axuda provincial mediante outros custos esenciais na prestación do SAF municipal, máis aló das horas de atención directa básica ás persoas beneficiarias.

O programa 2026 sitúa a tecnoloxía no centro, como vía para mellorar a eficiencia e eficacia, co que se pretende a redución de miles de horas anuais de carga administrativa para os profesionais dos servizos sociais municipais. Así, prevese o uso de ferramentas de IA para verificar procesos, detectando erros de forma preventiva, axilizando as validacións das horas prestadas e liberando aos empregados públicos de tarefas burocráticas repetitivas.

A aprobación das bases chega logo da recente modificación orzamentaria que permitiu alcanzar por primeira vez en catorce anos -desde os seus inicios en 2012- unha dotación que supera os 1,5 millóns de euros.


Atención á infancia e conciliación familiar

O Programa BenOurense Infancia, cuxas bases tamén se aprobaron hoxe, ten por obxecto a concesión de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva ás entidades locais para manter os Puntos de Atención á Infancia (PAI), centros que se atopan en concellos de menos de 5.000 habitantes e que prestan apoio aos pais, nais, titores e gardadores dos nenos de entre 3 meses e 3 anos.

As axudas deste programa permitirán subvencionar gastos de persoal, mantemento dos centros e outros aspectos, cun orzamento para 2026 de 150.000 euros.

Pola súa banda, o Programa de Servizos Complementarios de atención á infancia, tamén cun orzamento de 15.000 euros, está dirixido a manter  servizos municipais que desenvolven funcións de atención e coidado fóra da xornada ordinaria dos centros escolares a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, actuando como soporte e apoio ás familias e contribuíndo á conciliación da vida laboral e familiar.

A través deste programa subvencionaranse o funcionamento dos servizos que se prestan, alo menos, 5 días á semana durante o período escolar, así como aqueles que facilitan a conciliación laboral e familiar durante as vacacións escolares.

Cofinanciamento de equipos multidisciplinares

No caso do Programa Equipos Multidisciplinares de servizos sociais, trátase de cooperar con concellos e mancomunidades de menos de 20.000 habitantes, para financiar persoal técnico dos servizos sociais comunitarios, con perfís profesionais diferentes e complementarios aos dos traballadores sociais.

Cun orzamento de 300.000 euros, subvencionase a contratación de persoal titulado que se integre nas unidades de servizos sociais das entidades locais.

Plan económico-financeiro

A orde do día incluía un asunto de carácter económico, relacionado co Plan económico-financeiro para os anos 2025-26. En concreto, tralo peche do pasado exercicio observouse un incumprimento da regra de gasto e a estabilidade, este último principio debido fundamentalmente ao Consorcio contra Incendios e de Salvamento polos aumentos no capítulo de persoal.

O asunto debatido hoxe é un acordo de non dispoñibilidade de créditos correspondentes ao vixente orzamento, procedendo a retelos para que non sexan utilizados. En total, algo máis de 3,5 millóns de euros relacionados con gastos de persoal que, estímase, permitirían cumprir o citado plan económico-financeiro.

Tamén de carácter económico e como asunto de urxencia incluído na orde do día, o pleno aprobou unha modificación de créditos do orzamento do Consorcio provincial contra Incendios e Salvamento, por importe de 466.200 euros que se financiarán con cargo ao remanente de tesourería. Esta cantidade estará destinada a sufragar o proceso de selección de 17 novos bombeiros, así como á compra de equipamento para os novos profesionais, a renovación de material e maila adaptación das sedes dos parques.

Entre os asuntos de trámite figuraba a modificación da ordenanza que regula o servizo intermunicipal de recollida, transporte e eliminación de residuos de competencia local, prestado pola Deputación. Trátase da actualización da ordenanza aprobada hai un ano, clarificando algúns aspectos relacionados coas tarifas especiais para actividades comerciais ou de grandes produtores.

Completaron este apartado da sesión dous puntos máis: un cambio nos orzamentos de 2026 sobre unha subvención concedida ao Concello de Larouco e de dúas bases sobre créditos ampliables e xestión de gasto; e a delegación na Deputación da recadación de multas de tráfico, seguridade viaria e ordenanzas municipais de circulación do Concello da Rúa.

Capítulo de proposicións

No capítulo de proposicións, a Corporación provincial aprobou unha moción na que se pide o pagamento das axudas habilitadas pola Xunta de Galicia tralos lumes do pasado verán.

Este proposta solicita que estes pagos comprometidos á veciñanza realícense de xeito áxil e efectivo, dando traslado deste acordo á Consellería de medio Rural.

A segunda moción aprobada hoxe reclama ao Goberno de España revisar e flexibilizar os criterios no proceso de regularización extraordinaria de migrantes, para adaptalos á realidade social da provincia e garantir a inclusión do maior número posible de persoas. Neste sentido pídese ampliar os prazos de presentación de solicitudes, para que co fin de facilitar que todas as persoas interesadas poidan completar o proceso en condicións de igualdade.

Demándase o reforzo dos servizos públicos de tramitación con máis persoal e recursos técnicos, a mellora dos sistemas de información e acompañamento ás persoas solicitantes, garantindo así unha atención adecuada e accesible.

Aprobouse por último unha moción na que se pide o apoio institucional da Deputación aos hospitais comarcais, como servizos esenciais para a igualdade territorial, recoñecendo o labor da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Verín.

Pídese á Xunta de Galicia que cubra as vacantes de especialistas no Hospital de Verín, en especial cardioloxía, así como a recuperación do HADO, a Unidade da Dor, e o reforzo da atención presencial nas consultas externas. A mesma iniciativa propón senllos plans: un para os hospitais comarcais que garanta a cobertura estable de especialidades esenciais e a igualdade sanitaria efectiva entre o rural e as áreas urbanas; e outro para atención primaria nas zonas rurais, con dotación estable de profesionais, cobertura efectiva de baixas e ausencias e redución de espera para consulta médica.

Comparte este artigo