A degustación de chourizo, bolo de masa nai, auga ou viño sumarase sen custo ás castañas e á bica
O Concello de Ourense ofrecerá de balde todo o menú do Magosto tradicional ás persoas que acudan esta tarde desde as 18.00 h, á Praza Maior e á rúa do Progreso (Alameda). Ante as fortes chuvias desta xornada, a organización decidiu eliminar o prezo de 3 euros previsto inicialmente para os bocadillos de chourizo asado en bolo de masa nai e da bebida (auga e viño).
Deste xeito, o público poderá desfrutar de xeito libre dos bocadillos e a bebida, ademais da degustación gratuíta de castañas asadas e a bica.
Para garantir a comodidade dos e das asistentes, haberá carpas na Praza Maior, Praza de Santa Eufemia, rúa do Progreso, rúa do Bispo Cesáreo e Avenida de Pontevedra, que se engadirán ás xa previstas para o bar e o reparto de castañas.
A Festa do Magosto 2026, declarada de Interese Turístico, completa o seu programa con dúas actuacións musicais.
· 18.00 h. Praza Maior. Festival Folk San Martiño. Actuación dos grupos Ialma e Brañas Folk, coa colaboración de Pancho Álvarez, Susana Blanco e o cuarteto de zanfonas Zarandela, dirixido por Germán Díaz.
· 19.00 – 22.00 h. Rúa do Progreso (Alameda). Baile coa orquestra Los Satélites.

