Luis Menor enxalza a Festa do Peixe de Bande como “un orgullo colectivo da Baixa Limia e unha das grandes celebracións identitarias da provincia”

Redacción

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na inauguración da LV Festa do Peixe de Bande, unha das citas gastronómicas e populares máis emblemáticas da provincia, destacando o valor desta celebración “como símbolo da identidade, da tradición e da capacidade dun pobo para conservar vivas as súas raíces”.

Durante a súa intervención, Luis Menor puxo en valor o papel da Festa do Peixe como “unha celebración que transcende o gastronómico para converterse nun espazo de encontro, convivencia e memoria colectiva arredor do río, da pesca e da cultura popular da Baixa Limia”.

O presidente provincial felicitou ao Concello de Bande, á súa alcaldesa, Sandra Quintas, así como á veciñanza e ás persoas que fan posible esta celebración “por manter durante 55 edicións unha festa que xa forma parte do patrimonio emocional e cultural de Ourense”.

Luis Menor destacou tamén a importancia desta cita para dinamizar o territorio e proxectar a imaxe da comarca, subliñando que “a Festa do Peixe representa o mellor da nosa provincia: autenticidade, hospitalidade e orgullo polo propio”.

A programación desta LV edición inclúe actividades culturais, musicais, deportivas e gastronómicas, ademais do tradicional campionato de pesca, orixe histórica da propia celebración, mantendo vivo o vínculo de Bande co río Limia e coa súa tradición pesqueira.

Comparte este artigo