A tradición volverá soar con forza na Reiboa coa XVII Romaría de Gaiteiros

Redacción

Coribantes presentará en Poio a súa xira de 2026 cun concerto folk con música e baile tradicional, no que reunirá sobre o escenario entre 40 e 50 músicos

A Asociación Cultural Gaiteiro Manuel Villanueva enche A Reiboa con música e diversión no primeiro fin de semana de xuño

A Asociación Cultural Gaiteiro Manuel Villanueva apura os últimos detalles para a XVII Romaría Tradicional Gaiteiro Manuel Villanueva, que se celebrará os días 5, 6 e 7 de xuño na Reiboa, en San Xoán de Poio.

Despois de moitas semanas de traballo duro, a asociación convida a toda a veciñanza de Poio e da contorna a achegarse a unha festa feita con moito cariño, pensada para compartir, desfrutar e seguir mantendo viva a nosa música tradicional.

“Para nós é moi especial ver como esta romaría segue adiante ano tras ano. Xa son case dúas décadas de traballo, de música, de xente colaborando e de moitos momentos compartidos na Reiboa. É unha festa que naceu da ilusión e que hoxe é parte indispensable do calendario cultural de Poio”, sinalan desde a comisión organizadora.

Durante toda a fin de semana haberá música, carpa gastronómica, postos de artesanía, xogos populares e moitas ganas de xuntarse nun espazo privilexiado, ao lado do mar e da natureza.

A romaría arrancará o venres á tardiña coa apertura da carpa gastronómica, con polbo, churrasco, empanada e doces a prezos populares. A música chegará da man de Bahía de Tambo, grupo de voces e guitarras de Poio que ofrecerá un concerto en formato acústico con versións coñecidas dos anos 60, 70 e 80.

O sábado a mediodía continuará a festa coa sesión vermú, na que participarán a Escola de Música Tradicional e Vides Novas, dúas agrupacións locais de Poio. Xa pola tarde será o grupo tradicional Muíños da Ponte quen anime a sobremesa, antes da primeira sesión de micros abertos, unha das propostas máis participativas da romaría. Para os micros abertos, a organización anima a todos os músicos e afeccionados á música galega a traer o seu instrumento e sumarse á foliada. A proposta é tocar, improvisar, compartir pezas,coñecemento e experiencias, e pasalo ben disfrutando a música tradicional.

Un dos momentos máis esperados chegará o sábado pola noite co concerto de Coribantes, que presenta na Romaría de Poio a súa xira de 2026. Trátase dunha formación de música e baile tradicional cun formato folk, que reúne sobre o escenario entre 40 e 50 músicos e combina gaitas, tambores e pandeiretas con guitarras, baixo, violín, batería, percusión, acordeón, saxos, trompetas e voces.

O domingo a romaría continuará coa sesión vermú das Pandeireteiras de Ronsel e da Banda de Gaitas de Barbude, e pola tarde haberá sobremesa tradicional, sesión de micros abertos e xogos populares como a rá, zancos, sacos ou aros, pensados para que poidan desfrutar tanto os máis pequenos como as persoas maiores.

A Asociación Cultural Gaiteiro Manuel Villanueva quere agradecer a colaboración e financiamento do Concello de Poio e da Deputación de Pontevedra, así como o apoio dos negocios e establecementos do municipio, que coa súa axuda fan posible que esta festa poida seguir celebrándose ano tras ano.

“Queremos convidar a toda a xente a vir á Reiboa, ás familias, aos músicos, aos amantes da tradición e tamén a quen simplemente queira pasar unha boa fin de semana. Esta romaría faise grazas a moitas mans, á colaboración das institucións e dos negocios locais, e o mellor agradecemento é ver a nosa cultura viva e a xente desfrutando”, explica José Ángel Lodeiro “Chupi”, presidente da asociación.

Serán tres días para comer, bailar, tocar, cantar, escoitar boa música e celebrar xuntos unha festa que, tras dúas décadas de traxectoria, é xa unha cita imperdible na axenda cultural de Poio.

Comparte este artigo