O pregón de Rafael Carracedo inaugura oficialmente o Corpus 2026 nun emotivo acto que distinguiu a Borja Gómez e Alfonso Pexegueiro como Fillos Predilectos

Redacción

As máximas distincións municipais outórganse a dous veciños ilustres: un exemplo de superación, esforzo e inclusión a través do deporte no caso de Borja e a unha das voces máis destacadas da literatura galega contemporánea como é Pexegueiro

Carracedo destacou nun emotivo discurso que “o Corpus non só son flores sobre o asfalto. É a afirmación de que aquí hai unha cultura, unha lingua, unha forma de estar no mundo que sobreviviu a todo”.

Ponteareas inaugurou oficialmente as festas do Corpus Christi na súa edición de 2026 nun emotivo acto no que se nomearon fillos predilectos da vila ao deportista Borja Gómez e ao escritor Alfonso Pexegueiro. A lectura do pregón, a cargo do músico da Guardia Real, Rafael Carracedo, supuxo o colofón a unha intensa xornada institucional e o inicio da conta atrás para as datas centrais desta celebración recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional e Ben de Interese Cultural: a noite do 6 de xuño, o día grande, o domingo 7.

Ante un patio de butacas repleto, a alcaldesa Nava Castro e o tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, fixeron entrega do diploma acreditativo e da medalla de ouro de honra do Concello aos novos fillos predilectos da vila. Estes nomeamentos foron aprobados por unanimidade de toda a corporación o pasado 28 de abril. No caso de Borja Gómez, recoñécese “á súa traxectoria deportiva, o seu compromiso coa inclusión, o seu arraigamento ás tradicións locais e a súa contribución ao prestixio e proxección do municipio”. Borja é integrante do Club Ciclista Ponteareas e de Discamino, foi pioneiro ao participar en competicións convencionais de ciclocrós xunto a deportistas sen discapacidade, rompendo barreiras e visibilizando as capacidades das persoas con síndrome de Down. Ademais da súa traxectoria deportiva, Borja mantén unha estreita vinculación coa tradición alfombreira do Corpus Christi, formando parte activa dunha das principais señas de identidade de Ponteareas.

Na súa intervención, que comezou felicitando a Alfonso, agradeceu que se lle outorgara este título por unanimidade e destacou que “é unha honra para min. Síntome moi feliz e moi orgulloso de nacer en Ponteareas, no barrio de Canedo. Sentir o cariño do meu pobo é algo moi especial. A inclusión é a miña loita e sei que conto con todos vós para conseguilo. Levo a Ponteareas no meu corazón. Grazas por quererme tanto!”.

Pola súa banda, Alfonso Pexegueiro foi tamén distinguido como fillo predilecto de Ponteareas “en recoñecemento á súa extraordinaria traxectoria literaria e cultural, e á súa contribución ao prestixio e proxección da vila”. O escritor pronunciou un emotivo discurso no que deu as grazas “a toda a corporación de goberno por elixirme fillo predilecto desta vila por unanimidade. Foi algo inesperado. De verdade que agradezo todo ese cariño. Celebro tamén e agradezo que se me fixera compartir esta máxima distinción con Borja, que é un soño vivo cheo de amor”.

A lectura do pregón

Unha vez nomeados os fillos predilectos Rafael Carracedo, músico con raíces en Guláns e gañador do 3º premio no trofeo de gaita solista Mac Crimmon dentro do Festival Intercéltico de Lorient no 2017, foi o encargado de dar lectura ao pregón que arrancaba oficialmente a edición deste ano do Corpus. A súa intervención, profundamente emotiva, na que fixo gala da súa ligazón con Guláns e Ponteareas, coa súa familia e coa música, asegurou que “o Corpus de Ponteareas é un exemplo de relación interxeracional, de transmisión entre avós e netos, de xuntarse arredor do chan e compartir un momento que perdura na memoria de todos e todas os que o viviron”. O pregoeiro quixo poñer en valor a importancia desta celebración ancestral, asegurando que “o Corpus de Ponteareas non só flores sobre o asfalto. É a afirmación de que aquí hai unha cultura, unha lingua, unha forma de estar no mundo que sobreviviu a todo, e que cada ano, con paciencia e cariño, volvemos a poñer en pé”.

Carracedo recolleu neste acto unha bandexa floral conmemorativa do Corpus e unha menina institucional personalizada e despediu o seu discurso deixando patente que “Ponteareas non é só nosa. É tamén de tódolos ponteareáns, e das ponteareáns do futuro. Temos que coidala,

porque algún día de primavera, alguén que aínda non naceu, sairá a este atril para sentir a mesma emoción que sinto eu agora mesmo, ao pronunciar as últimas palabras deste pregón”.

Agradecementos institucionais

O concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, asegurou na súa intervención que “este ano, coma sempre, o protagonismo é o de miles de persoas, centos de familias que pasan días e noites de moito traballo para todo luza como só aquí sabe lucir. Son eles e elas, os verdadeiros artesáns e as mestras das flores, os que merecen o noso recoñecemento. As asociacións, os colectivos do centro e tamén das parroquias, que poñen o saber facer, as mans e o corazón ao servizo dunha festa que xa non é só nosa: pertence a todo o mundo”.

O evento foi clausurado pola alcaldesa, Nava Castro, quen destacou que “Ponteareas é berce e escenario de grandes figuras do deporte e da cultura, da creación, da narrativa e da poesía, pero tamén de arte en todas as súas especialidades, e por suposto da música, un campo onde sempre tivemos grandes referentes. Gracias Borja por ensinarnos que o límite non existe mentres a vontade non ceda. Gracias Alfonso porque es un referente, un dos grandes e ademais, un dos nosos. E gracias a Rafael pola sensibilidade amosada, por cada unha das túas palabras, por saber entender a profundidade e a relevancia do Corpus”.

Finalmente, Nava Castro concluíu o acto incidindo en que “cada pétalo debullado, cada cor colocada con precisión e con cariño é un acto de xenerosidade e de amor a esta terra e a esta tradición única. Cada hora de traballo, cada noite sen durmir, é a mellor proba de que o noso Corpus non ten igual. Porque en Ponteareas, cando nos propoñemos algo, sempre o facemos coa alma por diante”.

Comparte este artigo