- O certame celebrarase o 3, 4 e 5 de xuño de 2026 e terá como fío condutor o “Envellecemento”.
- Científicos de prestixio internacional como Marisol Soengas, Anxo Carracedo ou Sonia Villapol daranse cita na vila.
- A mestra porriñesa Susana Fernández Moreira será a Madriña desta edición, que pechará coa súa gran Feira Científica escolar.
A vila do Porriño volverá inzar as súas rúas de ciencia e coñecemento esta primeira semana de xuño coa celebración, na praza do Concello e as súas contornas, da III Mostra de Ciencias na Rúa do Porriño ‘Acienciacerta’, unhas xornadas educativas e culturais que se desenvolverán o mércores 3, xoves 4 e venres 5 de xuño. Organizado polo Concello do Porriño e a Asociación Cultural Acienciacerta, o evento conta este ano co patrocinio de Zendal Group e a Fundación “la Caixa”, ademais da colaboración da Universidade de Vigo, Aguas de Mondariz, AIMEN e CTAG.
Nesta terceira edición, o eixo central e fío condutor das actividades será o Envellecemento, un concepto que articulará as conferencias e protagonizará a imaxe gráfica do certame. Nos tres días de duración, volverase poñer en valor a ciencia e a divulgación científica con actividades participativas, experimentos, científicos e científicas internacionais e unha madriña de excepción.
“A III Mostra de Ciencias na Rúa pon este ano de novo o foco en tres piares: o talento local, a visibilización da muller na ciencia e a procura de novas vocacións entre a mocidade” destacou o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacando que “nun municipio coma o noso, que conta con empresas de peso internacional no ámbito da ciencia como Zendal, espertar vocacións na cativada é fundamental. Isto pode ser o seu futuro laboral pero, se pensamos no Porriño, é tamén o noso futuro coma vila industrial e tecnolóxica.”
Pola súa banda, a concelleira de Educación, Carolina González, sinalou o gran valor didáctico da cita xenerando curiosidade e pensamento crítico: “Queremos que a ciencia saia das aulas e dos laboratorios para inundar as rúas, demostrando que o coñecemento é accesible e fascinante para todos. O gran valor desta mostra é que une a experiencia de científicos que son referentes mundiais coa ilusión do noso alumnado, que leva meses traballando con moito esforzo nos seus proxectos para a Feira Científica.”
A Madriña: Susana Fernández Moreira
Este ano a Madriña de Acienciacerta é Susana Fernández Moreira, Licenciada en Químicas pola Universidade de Santiago de Compostela e porriñesa. Leva acompañando en Matemáticas, Física e Química a sucesivas xeracións de porriñesas e porriñeses dende o ano 1983. O papel que representa na ciencia, ten sido fundamental para centos de alumnas e alumnos que, posteriormente, e grazas a esta “fontaneira” da educación (así se considera ela, por desatascar tapóns de dúbidas), puideron emprender carreiras científicas ou simplemente dar un salto cualitativo no seu curso, ou no seu expediente, grazas a un traballo rigoroso, perseverante e eficaz, no enfoque destas materias. O seu perfil é dunha muller brillante que traballa na sombra sendo imprescindible para familias porriñesas de todo tipo. As súas clases de apoio durante décadas teñen salvado situacións académicas límite, e mesmo ten dado clases particulares a nais ou pais, fillas e fillos e mesmo netas e netos na mesma familia, polo que Acienciacerta neste 2026, onde o tema central será o paso do tempo, desexa visibilizar e, de paso, renderlle unha xusta homenaxe a unha figura, a mestra de clases de apoio, tan determinante para tantas persoas na etapa educativa e, sen embargo, tan pouco recoñecida pola sociedade.
ACTIVIDADES POR DIAS
Mércores 3
A mostra arrancará o mércores ás 19:00 h co simbólico ‘Brinde pola Ciencia’ (con Aguas de Mondariz) na histórica Botica Nova de Palacios. Media hora máis tarde, ás 19:30 h, na súa contorna, acollerá un diálogo a tres bandas titulado “Números, arquitectura e bioloxía do avellentamento”. Nela participarán tres mulleres que son referentes científicos internacionais: Teresa Táboas Veleiro, Vicepresidenta da Unión Internacional de Arquitectos e exConselleira de Vivenda; Elena Vázquez Cendón, Catedrática de Matemática Aplicada na USC e Premio María Josefa Wonenburger; e
Marisol Soengas González, Xefa do Grupo de Melanoma do CNIO e Premio María Larcher da EACR.
Xoves 4
A xornada do xoves comezará cun acto de benvida a Marisol Soengas, que ofrecerá unha charla didáctica para o alumnado. Pola tarde, o programa inclúe:
18:30 h: José María Faílde, doutor en Neuropsicoloxía e presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, presentará a candidatura de Ourense para ser recoñecida como a sexta Blue Zone (Zona Azul) do mundo pola lonxevidade dos seus habitantes.
19:30 h: O prestixioso catedrático de Medicina Legal e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Anxo Carracedo, impartirá unha das conferencias máis agardadas da mostra.
O broche de ouro do xoves será transversal e artístico. Mentres os creadores do festival DesOrdes Creativas e membros de Dios Ke Te Crew, Møu e Sokram, reflexionan sobre o paso do tempo, o recoñecido ilustrador porriñés Sr Reny executará unha obra gráfica con temática científica en directo.
Venres 5
O venres 5 de xuño concentrará o groso das actividades coa Feira Científica dos centros educativos. Ao longo de todo o día (de 10:00 a 13:30 h e de 17:00 a 20:00 h), dez colexios e institutos do municipio competirán nun concurso de proxectos científicos (categorías de -12 e +12 anos).
Outros fitos da xornada serán:
12:00 h: Lectura do manifesto a cargo da Madriña de Acienciacerta.
17:30 h: Eloy Santos Pujol, investigador do Instituto Josep Carreras que participou no estudo da muller máis lonxeva do mundo (María Brañas), falará sobre epixenética.
18:15 h: A neurocientífica luguesa Sonia Villapol (desde o Texas Medical Center de Houston) ofrecerá a charla “Cerebro en modo ON”, enfocada en dar claves á mocidade sobre saúde mental, neurociencia e o coidado do cerebro.
19:15 h: Espazo dedicado á Banda Deseñada coas autoras Inés Vázquez e Sandra Lodi (Premio Castelao 2024), que analizarán a eclosión do cómic feminino en Galicia e retos actuais do sector como a IA.
A mostra pecharase ás 20:00 h coa entrega de premios do Xurado e do Voto do Público.
O Xurado Científico
Este ano de novo haberá un Concurso de Proxectos Científicos dos centros educativos da vila. O concurso ten dúas categorías: -12 anos e +12 anos, e os premios serán decididos por un xurado científico, aínda que tamén existe un Premio do Voto do Público.
A composición deste xurado é a seguinte:
Susana Fernández Moreira (Madriña de Honra e Xurado): Licenciada en Químicas e porriñesa. Desde 1983 foi a “fontaneira da educación”susana na sombra para xeracións de porriñeses en Matemáticas, Física e Química. A mostra rendelle homenaxe a esta figura clave para espertar vocacións científicas e salvar situacións académicas límite.
Dra. Teresa Pérez Iglesias (Xurado Científico): Primeira catedrática universitaria do Porriño e Catedrática en Física pola UVigo. Experta en propiedades dieléctricas de materiais complexos e responsable das Olimpiadas de Física na Universidade de Vigo.
Dr. Miguel Gil Coto (Xurado Científico): Doutor en Ciencias do Mar e científico titular no Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC. Foi xefe da Base Antártica Española Juan Carlos I e obtivo o Premio IG Nobel de Física en 2023.

