- As persoas interesadas poden facer os trámites a través da sede electrónica ou de xeito presencial na Casa Consistorial
- O prazo de presentación finalizará o 22 de xuño para as celebracións de San Xoán e o 26 de xuño para as de San Pedro, en ambos casos ás 14:00 horas
O Concello da Guarda abre o prazo para a presentación das declaracións responsables necesarias para a realización das tradicionais fogueiras de San Xoán e San Pedro deste ano 2026.
Para poder levar a cabo estas celebracións, as persoas interesadas, tanto particulares como asociacións, deberán presentar obrigatoriamente a correspondente declaración responsable. O procedemento poderá realizarse por dúas vías: de forma telemática, a través da sede electrónica municipal, mediante a presentación dunha instancia xeral cos datos da localización da fogueira e da persoa responsable; ou de forma presencial no Rexistro Xeral, situado no primeiro andar da Casa Consistorial, en horario de atención ao público. Para a tramitación presencial, a veciñanza ten á súa disposición un modelo específico para cubrir.
A presentación da declaración responsable implica o compromiso de cumprir as seguintes medidas de seguridade e protección ambiental:
- O lugar elixido non poderá supoñer perigo para as persoas nin para os bens públicos ou privados.
- O combustible limitarase exclusivamente a madeira ou restos vexetais sen ningún tipo de tratamento químico.
- Deberase respectar unha distancia mínima de 10 metros respecto de edificacións, vehículos, tendidos eléctricos e outros materiais combustibles.
- As dimensións máximas permitidas para a fogueira serán de 3 metros de ancho, 4 metros de longo e 4 metros de alto.
- Deberá manterse libre de obxectos un radio mínimo de 5 metros arredor do lume.
- A organización deberá dispoñer de medios axeitados para sufocar o lume e extremar as precaucións en caso de vento.
- Non se poderá abandonar o lugar ata que a fogueira estea completamente extinguida.
- A zona deberá quedar perfectamente limpa e recollida nun prazo máximo de 24 horas tras a celebración.
- A responsabilidade por calquera dano ocasionado a persoas ou bens será exclusiva da persoa asinante da declaración responsable.
- En caso de producirse calquera tipo de emerxencia, deberase chamar inmediatamente ao teléfono 112.
As datas límite para presentar as declaracións responsables, tanto no Rexistro Xeral como a través da sede electrónica, son as seguintes:
- Fogueiras de San Xoán: ata o luns 22 de xuño ás 14:00 horas.
- Fogueiras de San Pedro: ata o venres 26 de xuño ás 14:00 horas.
Dende o Concello da Guarda faise un chamamento á responsabilidade e á colaboración da cidadanía para desfrutar destas celebracións tradicionais con seguridade, respecto polo medio ambiente e cumprimento da normativa vixente.

