O voceiro Anselmo Noia reclama un sistema de bonificacións que teña en conta a renda e as diferentes realidades familiares da veciñanza
O grupo municipal do BNG de Ogrobe vén de solicitar no Pleno ao goberno local que reserve e habilite prazas específicas para rapazada con necesidades especiais nos campamentos e actividades de conciliación organizadas polo Concello durante o verán co obxectivo de garantir a igualdade de oportunidades e o acceso a alternativas de lecer e conciliación. Tamén reclama un sistema de bonificacións nas tarifas que teña en conta a realidade da veciñanza.
O voceiro nacionalista, Anselmo Noia, sinala que existen familias do municipio e da contorna con nenas e nenos con necesidades especiais que atopan serias dificultades para acceder a actividades recreativas adaptadas, especialmente durante os períodos vacacionais. “Segundo denuncian as persoas afectadas, na actualidade non contamos en Ogrobe cun campamento adaptado que dea resposta ás necesidades desta rapazada, polo que moitas familias vense obrigadas a desprazarse a outros concellos ou, directamente, a renunciar a este tipo de actividades por falta de recursos ou de opcións accesibles”, explica o nacionalista.
Por este motivo, o Bloque propón que o campamento e os obradoiros municipais sexan inclusivos e adaptados, dotados de persoal cualificado e con actividades recreativas, educativas e deportivas axeitadas ás diferentes capacidades das persoas participantes. Segundo explica Noia, un programa municipal de conciliación de verán destas características non só beneficiaría directamente á rapazada, senón tamén ás súas familias e á veciñanza en xeral, facilitando a conciliación e promovendo valores como a inclusión.
Para Noia, o Concello, como administración máis próxima á veciñanza, é quen debe dar resposta a este tipo de necesidades. “Así é como traballa un goberno que cre no público: garantindo dereitos e prestando servizos que atendan ás persoas que máis o precisan”, afirma o portavoz nacionalista. Desde o BNG consideran que o goberno de Cacabelos non pode limitarse a poñer en marcha un servizo con prezos elevados “para cubrir o expediente”, sen preocuparse realmente por facilitar o acceso das familias vulnerables ou con maiores necesidades de apoio.
Neste sentido, as nacionalistas tamén cuestionan as tarifas estabelecidas para o programa actual de ‘ConciliaGrove’, que consideran “desproporcionadas” para unha parte importante da veciñanza. Anselmo Noia defende que os prezos deben adaptarse á realidade económica e social do municipio e lembra que aínda que a lexislación fixa que os servizos deben ter taxas que cubran o seu custo para a administración, tamén permite estabelecer diferentes sistemas de bonificación para facelos máis accesibles.
Entre as medidas que propón o BNG figuran descontos en función da renda familiar, mediante baremación por renda per cápita ou mesmo exencións totais para familias en situación de vulnerabilidade acreditada polos Servizos Sociais. Noia tamén considera necesario contemplar bonificacións para familias numerosas, monomarentais e monoparentais, para persoas con diversidade funcional, para familias en determinadas situacións laborais, para aquelas con varias persoas menores inscritas e para outros colectivos que afronten circunstancias sociais especiais.

