A voceira Marga Caldas lamenta que o Concello non publicou o anuncio para seleccionar persoal ata o 20 de maio cando o contrato quedara deserto en febreiro
O BNG de Poio vén de solicitar explicacións ao goberno local de Ángel Moldes sobre cando ten previsto poñer en marcha as brigadas municipais de extinción de incendios de cara á campaña de alto risco deste verán. A voceira Marga Caldas pide “máxima axilidade” e advirte de que o dispositivo debería estar xa en funcionamento despois de que o contrato para a prestación do servizo quedara deserto o pasado mes de febreiro, hai catro meses. A nacionalista aplaudiu a remunicipalización, mais sinalou que o PP tivo tempo máis que suficiente “para evitar comezar o verán, que vai ser moi sensible, sen efectivos propios dispoñibles”.
A voceira nacionalista Marga Caldas lembra que o executivo local, tras as complicacións coa licitación, anunciou a súa intención de abandonar o modelo privatizado e recuperar o sistema de contratación directa empregado anteriormente polo Bloque durante a súa etapa no goberno municipal. Porén, subliña, non é entendible o atraso na posta en marcha a maquinaria para contratar o persoal necesario: non foi até o 20 de maio que o Concello publicou o anuncio do proceso selectivo, este luns finalizou o prazo para que as persoas interesadas se presentaran ás prazas, e o vindeiro 10 de xuño será o exame práctico. A incorporación das persoas seleccionadas aínda terá que agardar un tempo máis.
Desde o BNG subliñan a preocupación existente entre a veciñanza ante a proximidade da época de máximo risco de incendios, especialmente despois do lume rexistrado hai dous fins de semana na Escusa coincidindo con altas temperaturas, así como doutros acontecidos, por exemplo, o pasado mes de abril no lugar de A Freixa. En ambos tiveron que intervir integrantes de Protección Civil para controlar e estabilizar o lume até a chegada de máis medios.
Por todo isto, Bloque pide a Moldes un calendario claro e transparente de cando vai comezar a traballar a brigada. “Queremos saber como se vai organizar o servizo esta tempada, cantos efectivos reais haberá, cando comezarán a traballar e se o goberno local ten xa preparada toda a planificación necesaria para garantir unha resposta rápida e eficaz”, sinala Caldas. Lembra que anteriormente a brigada tiña entre as súas funcións a vixilancia, intervencións directas no caso de lumes, e a realización de tratamentos preventivos tanto de forma manual como mecanizada.
Neste sentido, a voceira nacionalista lembra que as brigadas xa deberían ter realizado labores preventivas fundamentais, como tarefas de limpeza, roza, revisión de accesos e actuacións de prevención sobre todo nas zonas máis sensibles do municipio. “Non se trata só de actuar cando hai un incendio, senón de facer un traballo previo esencial para reducir riscos e minimizar posibles consecuencias”, advirte.
Caldas subliña que a contratación, tamén agora, “tarde e arrastro”, dun peón forestal específico para dedicarse a tarefas de prevención, con contrato a cargo da Consellería de Emprego durante nove meses “pouco pode facer para esta tempada”.
A portavoz lembra que o Bloque xa advertiu meses atrás ao goberno local da necesidade de solucionar a situación das brigadas logo de quedar deserto o contrato. Reclamaba entón ao goberno local melloras nas condicións laborais do persoal para evitar os problemas dos dous últimos exercicios en canto á precariedade laboral e ás dificultades constantes.
Caldas considera que a volta á contratación directa pode contribuír a estabilizar o operativo, pero insiste en que “o importante agora é que non se perda máis tempo e que Poio conte canto antes cunha brigada plenamente operativa”. Así, o BNG insta a que o goberno local poña en marcha canto antes o servizo e, de maneira paralela, informe con transparencia sobre o dispositivo previsto para este verán, especialmente nun contexto no que as condicións meteorolóxicas fan prever unha campaña especialmente sensible.

