O Concello de Ourense presenta as liñas estratéxicas en materia de deporte fronte ao novo secretario xeral para o Deporte, Roberto García

Redacción

O concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, Aníbal Pereira reuniuse no día de onte no Concello co secretario xeral para o Deporte para presentarlle as liñas estratéxicas do desenvolvemento deportivo da cidade.

O primeiro dos puntos tratou sobre a falta de instalacións, e a necesaria colaboración para crear unha gran instalación nos aledaños de Expourense para cubrir as necesidades de deportes como ximnasia, escalada, deportes de loita ou de raqueta, que permita dar resposta a máis de 4.000 deportistas destas disciplinas na cidade. É unha instalación de suma importancia tamén para a provincia, como así o dispuxo o Pleno da Deputación, e cuxa área de influencia abranguería a máis do 50% da poboación da provincia. Esta instalación iría aparexada a un aparcamento disuasorio para os propios usuarios das instalacións pero tamén aos visitantes do centro da cidade.

O secretario xeral mostrouse receptivo, e brindouse a avanzar no diagnóstico dese plan de necesidades, respostando así á demanda crecente nestas disciplinas.

Outro dos puntos tratados foi o Estadio do Couto e o seu futuro; o concelleiro quixo coñecer de primeira man cales son as intencións da Administración Autonómica e as posibles melloras necesarias.

Outra das instalacións, dentro do esquema de infraestruturas deportivas municipais, para a que solicitou colaboración da Xunta, foi a Canle de Augas Bravas do Miño. Unha instalación que permitiría poñer a Ourense no mapa de piragüismo internacional ao igual que se fixo no seu día coa pista de atletismo de Expourense.

Outro dos puntos tratados foi o novo campo de fútbol de Seixalbo, agora que está avanzada a cesión polos comuneiros, tamén a posibilidade de executar un segundo campo de Hóckey por solicitude federativa e a necesidade de colaborar entre as administracións públicas para renovar as instalacións deportivas da Universidade de Vigo no Campus da Auga, que hoxe se atopan nun avanzado estado de avellentamento.

Tamén se falou da posibilidade de executar un novo skatepark, vinculado a plans de mobilidade sostible, tal como se prevé en Expourense.

Por último, o concelleiro pediu colaboración ao máximo representante de deporte na Xunta para converter a cidade nun gran equipamento deportivo que permita a tódolos veciños mellorar a súa saúde a través da vinculación de servizos sanitarios públicos cos servizos deportivos a través da prescrición de actividade física nos Centros de Saúde.

Comparte este artigo