O concello de Nigrán celebra na Escola Municipal de Cerámica a semana do “Rakú”

Redacción

Desde hai 37 anos celébrase esta actividade baseada neste método xaponés de fabricación do século XVI introducido en Galicia pola Escola de Nigrán

O alumnado traballa counxuntamente para facer un forno ao aire libre, cocer as pezas, enfrialas inmediatamente en serrín e despois lavalas

Con máis de 40 anos de vida, o Concello de Nigrán ten a Escola Municipal de Cerámica máis antiga de Galicia

A impresionante técnica milenaria do rakú regresou esta semana á Escola Municipal de Cerámica de Nigrán, introductora en Galicia hai 37 anos desta forma de facer xaponesa do século XVI. Como en cada edición, o espacio exterior do centro (rúa Sarmiento, 27, en Cotros, Nigrán) transfórmase todas as tardes nun obradoiro ao aire libre no que o alumnado se organiza para construír conxuntamente un forno artesanal onde cocer as artesanías xa pintadas. Ao alcanzar os 1.000 graos (xeralmente en menos dunha hora) este forno ábrese e extraense con pinzas as pezas completamente incandescentes (coa aparencia do ferro cando se forxa) para rapidamente introducilas en serrín 15 minutos (isto dálle o seu particular aspecto cuarteado) e finalmente lavalas. O ambiente que se xera resulta moi especial, por iso non é casualidade que a palabra ‘Rakú’ signifique ‘compartir, diversión e felicidade’. “Realmente é a antitécnica porque non sabes exactamente que vai saír, só podes intuílo, hai que ter a mente aberta; o resto do ano, sen rakú, os resultados son máis previsibles”, comenta Emilia Guimeráns, a directora da Escola Municipal de Cerámica.

Aínda que o rakú naceu en Xapón no século XVI, desde este país exportouna a Europa o artista británico Bernard Leach a finais do XIX e en Galicia introduciuse hai agora 37 anos de mans da Escola Municipal de Cerámica de Nigrán. “Tras tantos anos celebrando esta semana de rakú, xa adquirimos o noso propio estilo”, explica Emilia Guimeráns, directora da Escola desde a súa orixe.

Ao longo dos dous meses previos, os 70 alumnos dos distintos grupos da escola crean ex profeso para rakú, a única particularidade é que deben ser pezas de liñas sinxelas e non demasiado grandes para poder optimizar o forno. Unha vez feitas píntanse con esmaltes especiais (desde vidriados a metalizados). O día máis importante é o da cocción porque todos os alumnos deben traballar conxuntamente.

Compre destacar que, con máis de 40 anos de vida, o Concello de Nigrán ten a Escola Municipal de Cerámica máis antiga de Galicia e unha das únicas que existe, organizando ademais cada certo tempo encontros internacionais onde o alumnado aprende e comparte novas técnicas.

Comparte este artigo