O Rosal revive o pisco para volver mirar de fronte unha das historias máis singulares da súa memoria colectiva

Redacción

O proxecto de voluntariado interxeracional ‘De avoas a netas’ presenta este domingo 7 un faladoiro e varias pezas audiovisuais que recrean o contrabando na ribeira do Miño

As historias que construíron O Rosal seguen agardando agochadas entre camiños, beiras de río e lembranzas compartidas. Este domingo 7 de xuño, ás 17.00 horas, a Sala de Exposicións do Concello acollerá a presentación dunha serie de pezas audiovisuais centradas no pisco, unha actividade que durante décadas formou parte da vida cotiá da veciñanza rosaleira e que hoxe continúa ocupando un lugar destacado na memoria popular do municipio.

A iniciativa enmárcase dentro de ‘De avoas a netas’, un proxecto de voluntariado interxeracional impulsado por mozas e mozos do Rosal e o Concello para recuperar, conservar e divulgar o patrimonio inmaterial da vila a través da memoria oral e da investigación histórica.

A través da recreación audiovisual de diferentes escenas ambientadas nos anos 40 e 50, veciños e veciñas do Baixo Miño trasladarán ao público a unha época marcada polas dificultades económicas da posguerra e pola necesidade de buscar alternativas para saír adiante. Produtos básicos como ovos, arroz ou café cruzaban daquela a fronteira nunha actividade que, co paso dos anos, deu lugar tamén ao transporte doutros bens como tabaco, cobre ou a coñecida zocata.

O pisco constitúe unha expresión da realidade social e económica da época. Nun contexto de escaseza, racionamento e forte intervencionismo económico, converteuse nunha actividade amplamente estendida e socialmente aceptada que permitiu complementar os ingresos de moitas familias e contribuíu a modelar a relación da veciñanza co territorio e coa fronteira.

As recreacións audiovisuais buscan precisamente achegar esa realidade histórica ás novas xeracións, poñendo rostro e voz a episodios que sucederon en lugares que aínda forman parte da vida diaria do municipio: os camiños que se percorreron, as beiras do Miño ou os espazos nos que hoxe continúa desenvolvéndose a vida comunitaria. Concello e mocidade impulsora do proxecto queren agradecer a participación de todas as actrices e actores voluntarios de toda a comarca que se comprometeron e participaron nas gravacións para facer destas pezas audiovisuais unha realidade.

Tras a proxección celebrarase un faladoiro aberto ao público coa participación da directora de teatro portuguesa Patricia Portela no que se compartirán lembranzas, reflexións e experiencias arredor desta actividade, contribuíndo a enriquecer a memoria colectiva e a contextualizar unha das etapas máis significativas da historia recente do Rosal.

Desde o Concello do Rosal anímase á veciñanza a participar nesta proposta cultural e divulgativa que combina historia, patrimonio, memoria e participación cidadá, ofrecendo unha oportunidade única para redescubrir unha parte esencial do relato colectivo rosaleiro.

O proxecto foi cofinanciado con fondos europeos NextGenerationEU do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 a través da  través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.

Comparte este artigo