A iniciativa “No Corazón dos Curros” continúa en Torroña con visitas guiadas e obradoiros didácticos
A Serra da Groba volverá vivir este domingo unha das súas tradicións máis emblemáticas coa celebración do curro de Torroña, segunda gran cita da tempada dos curros en Oia, neste caso na parroquia de Burgueira. A xornada reunirá centos de cabalos e numerosos visitantes arredor dunha práctica ancestral que continúa formando parte da identidade cultural e patrimonial do municipio.
Neste curro participarán arredor de 600 cabalos e uns 120 poldros, convertendo a cita nun dos encontros máis destacados da tempada. Como é habitual, desde primeira hora da mañá comezará a xuntanza das bestas para conducilas ata o recinto do curro de Torroña, onde se estima que chegarán sobre as 11.30 horas.
O momento máis esperado da xornada terá lugar pola tarde, a partir das 17.00 horas, co desenvolvemento das tradicionais tarefas de rapa, desparasitado e marcaxe. Unha vez rematados estes labores, os animais volverán quedar libres no monte.
O curro de Torroña conserva ademais o seu carácter festivo e comunitario, converténdose cada ano nun punto de encontro para veciñanza e visitantes que desexan achegarse a unha das tradicións máis singulares da Serra da Groba. A entrada será libre e gratuíta e, ademais, este ano instalaranse aseos a disposición do público asistente.
Visitas guiadas e obradoiros didácticos
Coincidindo coa celebración da rapa, continuará tamén a programación de actividades de divulgación “No Corazón dos Curros”, unha iniciativa impulsada por Amodo Turismo baixo a marca Saberes do Monte, coa colaboración do Concello e das asociacións organizadoras dos 3 curros que se celebran en Oia (A Valga, Torroña e Mougás).
A programación en Torroña inclúe unha visita guiada o domingo ás 11.00 horas, para a que é necesaria inscrición previa no teléfono ou WhatsApp 677 78 32 96. A actividade ten un prezo de 12 euros para persoas adultas e conta con tarifas reducidas para público infantil.
Ademais, entre as 15.00 e as 17.00 horas, desenvolveranse varios obradoiros gratuítos dirixidos a persoas de todas as idades. As propostas permitirán achegarse á tradición dos curros a través de actividades como a elaboración de calcomanías coas marcas das burras do monte, o calco de petróglifos con figuras ecuestres mediante a técnica do frottage ou a creación dun pequeno alfineteiro de tea rechea de crinas.
Tras a boa acollida desta iniciativa divulgativa no curro da Valga, a programación “No corazón dos Curros” continuará este domingo en Torroña e completará o seu percorrido con novas actividades no curro de Mougás, previsto para o segundo domingo de xuño.
Chamamento ao respecto do entorno
Con motivo da celebración dos curros, a organización lembra que non está permitida a acampada na zona. As autoridades realizarán labores de vixilancia nos días previos e durante a celebración para evitar actividades non autorizadas.
Así mesmo, solicítase a colaboración das persoas asistentes para respectar o medio natural, evitar danos no arborado e nas áreas máis sensibles e facer uso dos contedores habilitados, contribuíndo a conservar en boas condicións un espazo de grande valor ambiental e paisaxístico.

