O BNG de Poio acusa a Moldes de levar ao límite o conflito do lixo ás portas do San Xoán por anos de permisividade con Valoriza

Redacción

A voceira Marga Caldas considera que a situación coa concesionaria “estáselle a escapar coas mans”

O BNG de Poio acusa ao alcalde, Ángel Moldes, de ser corresponsable da situación de conflito que afecta ao servizo de recollida de lixo e limpeza viaria por ter mantido durante anos unha actitude de permisividade cara á empresa concesionaria Valoriza malia as reiteradas denuncias sobre deficiencias no servizo, incumprimentos contractuais e problemas laborais. A voceira Marga Caldas considera especialmente grave que esta situación, “que se lle está a escapar das mans”, chegue a un punto crítico precisamente ás portas da celebración do San Xoán, “poñéndoa en risco” a pesares de ser a celebración máis popular do municipio.

“Advertímolo no Pleno hai apenas uns días e, lonxe de reaccionar, o goberno local segue instalado na inacción. O problema xa non é só Valoriza. O problema é que o Concello leva demasiado tempo actuando como se os incumprimentos da concesionaria non fosen con el”, denuncia a portavoz. O BNG lembra que vén denunciando desde hai anos diferentes problemas relacionados coa prestación do servizo, entre eles as deficiencias na limpeza viaria, as incidencias na recollida de residuos ou os incumprimentos relacionados coa renovación de maquinaria e medios materiais comprometidos no contrato.

Porén, segundo as nacionalistas, fronte a esta acumulación de incidencias non consta unha actuación firme por parte do Concello. “Resulta difícil de explicar que unha empresa que acumula tantas polémicas e tantas queixas continúe operando sen ningunha penalización relevante nin medidas de control proporcionadas á gravidade da situación”, sinala Caldas. O Bloque considera especialmente preocupante que agora se coñeza tamén o malestar existente entre o persoal da concesionaria, que denuncia falta de interlocución e dificultades para avanzar nas súas reivindicacións laborais.

Caldas subliña que a empresa, que recibe puntualmente as actualizacións económicas previstas no contrato a través dos mecanismos case automáticos de revisión de prezos, con todo, aparece vinculada a conflitos laborais e a deficiencias reiteradas. “O mínimo que pode facer o Concello é explicar que control está exercendo sobre unha concesión que custa centos de miles de euros á veciñanza. Durante demasiado tempo optouse por non incomodar á empresa. Mirouse para outro lado diante das deficiencias do servizo, diante das queixas da veciñanza e agora tamén diante dun conflito laboral que ameaza con afectar directamente ao municipio nunha das semanas máis importantes do ano”, sostén a portavoz.

A nacionalista insiste en que o goberno local debe mover ficha canto antes e ter un papel “esixente” de intermediación entre o persoal e a empresa. “O goberno de Moldes non pode seguir escondéndose detrás da empresa nin detrás do conflito laboral. O Concello é o titular do servizo e ten a obriga de fiscalizar o contrato, de esixir o cumprimento das obrigas laborais e de garantir que a veciñanza recibe o servizo polo que está pagando”, afirma Caldas.

Por iso, o BNG reclama a convocatoria urxente dunha reunión entre Concello, empresa e representación do persoal para abordar a situación e evitar que a falta de diálogo siga agravando o conflito. “Chegamos a este punto porque durante demasiado tempo se deixou facer. Agora a situación escápaselle das mans ao goberno local precisamente porque nunca quixo afrontar os problemas de fondo. A veciñanza de Poio non merece pagar as consecuencias dunha política baseada na pasividade e na falta de control”, asegura a portavoz nacionalista.

Caldas subliña que agarda que a folga á que se ve abocado o conflito, anunciada para os días 22, 23, 24 e 25, non chegue a ser unha realidade. Destaca que, no seu caso, sería necesario estabelecer uns servizos mínimos acordes que garantan a celebración do San Xoán con garantías sen baleirar de contido o dereito á folga.

Comparte este artigo