O Concello reforza a súa aposta pola tecnoloxía para achegar a festa a máis persoas e ofrecer novas formas de descubrir e vivir as alfombras florais
Ponteareas continúa avanzando na incorporación das novas tecnoloxías ao seu patrimonio cultural e ofrecerá neste Corpus Christi 2026 tres iniciativas que permitirán vivir e descubrir a festa desde novas perspectivas, reforzando a súa accesibilidade, difusión e capacidade de chegar a públicos cada vez máis diversos.
A retransmisión en directo da elaboración das alfombras florais volverá ser unha das ferramentas para achegar a festa máis aló das rúas de Ponteareas. A través da canle de Youtube do Concello poderase seguir en tempo real todo o proceso de confección das alfombras, desde as primeiras horas de traballo ata a súa culminación, así como os principais momentos da celebración e da procesión do Corpus Christi. Unha iniciativa que permite que persoas de calquera parte do mundo poidan acompañar aos alfombreiros e alfombreiras nunha das noites máis especiais do ano.
Entre as novidades desta edición destaca a incorporación dunha experiencia de realidade virtual inmersiva vinculada á procesión do Corpus Christi. Grazas a unha gravación realizada en vídeo 360º, o domingo a partir das 17:00 horas, as persoas que visiten a Residencia de Artistas, Aristea (na praza Maior) poderán colocarse unhas lentes de realidade virtual e vivir a procesión desa mesma mañá desde dentro, observando libremente todo o que sucede ao seu arredor como se estivesen presentes en distintos puntos do percorrido.
Esta experiencia permitirá descubrir unha das tradicións máis emblemáticas de Ponteareas dunha maneira innovadora, achegando o patrimonio cultural a veciñanza e visitantes a través das novas tecnoloxías e facilitando a súa difusión entre as novas xeracións.
A terceira gran novidade deste ano é a posta en marcha da aplicación inclusiva “Caminar juntos”, un proxecto desenvolvido conxuntamente polo Concello de Ponteareas, a Universidade de Vigo e a Asociación de Alfombristas do Corpus Christi co obxectivo de facer a festa máis accesible e participativa.
A aplicación incorpora unha audioguía sensorial intelixente que se activa automaticamente mediante balizas BLE distribuídas ao longo do percorrido das alfombras florais. Grazas a este sistema, as persoas usuarias reciben información contextual adaptada en formato audio ou texto sobre a historia, significado e valor artístico das alfombras, facilitando a orientación e a comprensión da celebración. A ferramenta está especialmente orientada a mellorar a experiencia de persoas con discapacidade visual, auditiva ou cognitiva, permitindo que poidan achegarse ao Corpus dunha forma máis autónoma, accesible e enriquecedora.
O concelleiro de Novas Tecnoloxías, Cristian Montes, destacou que “desde o Concello levamos anos traballando para demostrar que tradición e innovación non só son compatibles, senón que poden reforzarse mutuamente. O Corpus é unha das nosas maiores señas de identidade e as novas tecnoloxías permítennos difundilo, preservalo e facelo chegar a máis persoas que nunca”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, sinalou que “o Corpus Christi é unha tradición centenaria que forma parte da nosa identidade colectiva, pero iso non significa que non poida evolucionar e incorporar novas ferramentas para seguir medrando. Estas iniciativas permiten achegar a festa a persoas que non poden estar fisicamente en Ponteareas, mellorar a accesibilidade para colectivos con necesidades específicas e ofrecer novas experiencias que contribúen á difusión internacional do noso patrimonio cultural”.

