O concello de Arbo recibe unha subvención de máis de 66.000 para as obras de ampliación vial e saneamento no lugar de Godón

Redacción
  • A actuación, mellorará a seguridade viaria dun camiño actualmente estreito.
  • O proxecto inclúe a dotación de rede de sumidoiros para as vivendas que carecen deste servizo e a canalización de augas pluviais.
  • O alcalde, Horacio Gil, destaca que esta obra “dá resposta a unha demanda da veciñanza e garante servizos básicos de calidade para o noso rural”.

O Concello de Arbo avanza na mellora das infraestruturas do rural grazas á concesión dunha subvención da Deputación de Pontevedra para a execución do proxecto de “Ampliación vial e rede de saneamento no lugar de Godón”, situado na parroquia de Arbo. A axuda outorgada cobre o 100% do orzamento total da actuación, que ascende a 66.210,57 euros (IVE incluído).

O obxectivo principal desta intervención é elevar a calidade de vida e mellorar notablemente a accesibilidade e a seguridade da veciñanza de Godón. Na actualidade, o camiño interior presenta un trazado excesivamente estreito e perigoso para o tráfico de vehículos e peóns, unha deficiencia que quedará corrixida con estas obras.

Ao respecto, o alcalde de Arbo, Horacio Gil, sinalou que “esta intervención é estratéxica para o lugar de Godón. O noso compromiso é que todos os veciños e veciñas de Arbo, vivan onde vivan, conten con infraestruturas dignas e seguras. Con esta obra non só ensanchamos un camiño, senón que estendemos un servizo tan básico e esencial como é o saneamento”.

Os traballos, que teñen un prazo de execución de tres meses, abranguen as seguintes tarefas técnicas: Mellora viaria e seguridade, Rede de saneamento, Recollida de pluviais e Pavimentación.

Dende o Concello de Arbo destácase que esta intervención terá un impacto directo e moi positivo na conectividade da zona. A ampliación do espazo útil da vía e a renovación integral do firme permitirán ordenar o fluxo de tráfico, eliminando as barreiras físicas actuais e garantindo unha coexistencia segura entre peóns e vehículos.

“Queremos un rural vivo e ben comunicado”, engadiu Horacio Gil. “Ao mellorar este trazado, facilitamos que os residentes poidan desprazarse de xeito máis cómodo, rápido e seguro cara aos servizos básicos esenciais, tales como os centros sanitarios, educativos ou as dependencias administrativas do municipio. É un paso máis na vertebración e modernización de Arbo”.

Comparte este artigo