A voceira Marga Caldas critica que a veciñanza tense que trasladar ata o PAC de A Parda en Pontevedra e advirte que a deriva da situación sanitaria no municipio é “inasumible”
O BNG de Poio denuncia que o centro de saúde de Anafáns carece xa de atención médica os sábados polas mañás. Hoxe foi o primeiro fin de semana sen servizo no que a veciñanza, de ter unha urxencia, se tivo que obrigatoriamente trasladar ao PAC de A Parda en Pontevedra. A voceira Marga Caldas subliña que a deriva da situación sanitaria no municipio é xa “inasumible” e advirte que, ademais, o goberno local segue pasivo sen esixir á Xunta unha solución ao problema. “A atención xa era precaria, pero resulta que agora coa chegada do verán aínda vai ser peor e todo sen que o goberno de Moldes mova un dedo para defender á súa veciñanza”, alerta.
Caldas explica que a comunicación do novo recorte na atención médica para Poio advertiuse a través dun simple cartel colgado nas paredes do centro de saúde: ‘Aviso importante: o sábado 30 de maio será o último día de apertura en horario de mañá os sábados do Centro de Saúde de Anafáns. A partir de xuño a atención fóra do horario ordinario realizarase no PAC de A Parda. Pregamos desculpen as molestias’.
A voceira destaca que os problemas que isto supón para a veciñanza son máximos, xa que obriga a un desprazamento innecesario e que en moitos casos non é posible por falta de medios para algunha xente e, ademais, supón que a calidade da atención vai ser máis precaria e lenta, xa que no PAC de A Parda se concentran as urxencias de Atención Primaria da capital, un “volume tal” que incrementa os tempos de agarda. “Dado que a distancia dende Poio practicamente é a mesma, moita xente acabará indo directamente a Montecelo, e despois dende o Sergas dirán que se saturan as urxencias hospitalarias”, quéixase a nacionalista.
Segundo apunta a voceira do BNG de Poio, a chegada do verán e a ausencia de facultativos “era algo que se podía prever e solucionar” dende o Sergas sen ter que deixar ao municipio sen atención de urxencias en Atención Primaria. “Ao final, quen sempre paga as consecuencias da mala planificación é a veciñanza”, insiste.
Caldas fixo estas valoracións toda vez que, ademais, dende o Concello de Poio non se ten feito ningún movemento ante a Xerencia sanitaria. Volveu subliñar que resulta “inaceptable” a pasividade amosada até o de agora polo PP local ante a “demolición” da sanidade pública por parte da Xunta no municipio.
Lembra a nacionalista que nas últimas semanas a ausencia de profesionais de Pediatría deixou tamén nunha situación límite a numerosas familias do municipio, obrigadas a desprazamentos ao servizo de Urxencias do Hospital Provincial en Pontevedra.
O Bloque lembraba entón que o deterioro da Atención Primaria no municipio era progresivo e cada vez máis grave, algo que agora se ve confirmado con este último movemento. “Mentres, Moldes ponse de perfil para non incomodar á Xunta e ten abandonada a Mesa de Defensa da Sanidade, un órgano que no anterior mandato servía para coordinar reclamacións veciñais e facer seguimento das necesidades sanitarias de Poio”, lembra.
Bloque subliña que todo isto é especialmente grave xa que continúa paralizado o proxecto do novo centro de saúde previsto na Canteira e non hai visos de mellora.

