Tui da resposta á demanda de persoal cualificado na hostalería cun curso gratuíto de formación

Redacción

As persoas interesadas poden inscribirse até o mércores 11. A acción formativa comezará o luns 15 de xuño

O próximo luns 15 de xuño comezará a impartirse en Tui un curso gratuíto de Camareiro/a de restaurante-bar promovido polo Concello de Tui, a través da Concellería de Emprego e Formación, para dar resposta á demanda de persoal no sector da hostalería ante o inicio da temporada estival.

Esta acción formativa ten por obxectivo mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas ou en busca dun cambio laboral residentes no municipio de Tui, e ao tempo satisfacer a demanda de persoal cualificado por parte do sector.

Esta iniciativa desenvólvese en colaboración coa Asociación de Comerciantes de Tui, ACITUI, así como con profesionais da hostalaría local, que participan activamente tanto na organización como na impartición dos contidos formativos. Trátase dun proxecto colaborativo que busca ofrecer unha formación adaptada ás necesidades reais do mercado laboral.

O curso contará cunha duración total de 44 horas e desenvolverase entre o 15 e o 30 de xuño, de 16.30 a 20.30 h,  nas instalacións do Mercado de San Antonio de Tui.  

A formación está deseñada cun enfoque eminentemente práctico e accesible, polo que non se requiren coñecementos previos. As persoas participantes só precisan ter interese polo sector, motivación para a aprendizaxe e dispoñibilidade horaria para asistir ás sesións. Abordarase a Atención ao cliente en hostalaría, Manipulación de alimentos e sistema APPCC, Servizo de barra, Atención en sala e servizo de mesas, Iniciación ao mundo barista, e Iniciación ao viño.

Ao remate da acción formativa, o alumnado recibirá un certificado de participación e conformarase unha bolsa de emprego que permitirá conectar directamente ás persoas formadas cos establecementos hostaleiros que precisan persoal, facilitando así unha inserción laboral máis áxil e efectiva.

As persoas interesadas deben enviar a súa solicitude, no modelo dispoñible en tui.gal, ao correo orientacion@tui.gal  até o xoves 11. Tamén se pode presentar de forma presencial na Área de Emprego do Concello de Tui, situada en Alvelos 1, Guillarei (Tui).  O número de prazas está limitado a 15 participantes. No caso de que a demanda supere a oferta de prazas, aplicarase un baremo de empregabilidade para a selección do alumnado.

A concelleira de Formación e Emprego, Ana Núñez, destaca “o carácter estratéxico desta iniciativa, que busca dar resposta directa ás necesidades de contratación dun sector clave na economía local, especialmente nun momento previo á campaña estival, no que a demanda de persoal se incrementa de forma notable”.

Como peche do programa, o 30 de xuño celebrarase un acto de clausura no que estarán convidadas empresas do sector hostaleiro local, co obxectivo de que poidan coñecer ás persoas participantes, establecer contacto directo con elas e valorar posibles incorporacións aos seus equipos de traballo.

A información sobre este curso pode ampliarse no teléfono do Centro de Formación, 664 55 24 93, ou no teléfono de ACITUI, 604 48 88 90.

Comparte este artigo