“Estamos ante a maior achega realizada nunca pola Deputación de Ourense neste ámbito, destacou Menor, quen lembrou que nos últimos dez anos a institución provincial cofinanciou proxectos sociais con máis de tres millóns de euros
Puxo en valor a axilidade administrativa da convocatoria, lembrando que a resolución das axudas produciuse apenas semanas despois da publicación das bases, destacando que a Deputación abonou en tempo récord o 100 % das subvencións correspondentes á convocatoria do pasado ano
Os detalles da resolución da convocatoria de axudas foron anunciados nunha Xornada provincial do Terceiro Sector, que serviu para coñecer diferentes iniciativas impulsadas por unha trintena entidades sociais que abordaron aspectos relativos á calidade dos servizos que prestan, o desenvolvemento de proxectos axustados á realidade do territorio ou o modelo de colaboración público privada
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na Xornada provincial do Terceiro Sector celebrada no Centro Cultural Marcos Valcárcel, un encontro promovido para dar visibilidade ao traballo que desenvolven as entidades sociais da provincia e reforzar a colaboración entre estas organizacións e as administracións públicas. Un labor que agradeceu Menor “desde a convicción persoal do voso impresncindible compromiso”
O presidente provincial aproveitou a xornada para anunciar os resultados da convocatoria de subvencións para entidades sociais correspondente ao ano 2026, que alcanza unha dotación histórica de 600.000 euros, o que supón un incremento superior ao 70 % respecto do exercicio anterior.
“Estamos ante a maior achega económica realizada nunca pola Deputación de Ourense ao terceiro sector”, destacou Menor, quen lembrou que nos últimos dez anos a institución provincial cofinanciou proxectos sociais con máis de tres millóns de euros.
Subliñou ademais que a convocatoria deste ano rexistrou unha participación sen precedentes, con máis de 60 iniciativas presentadas, das que foron admitidas 58, o que representa o 95 % das solicitudes.
Luis Menor tamén puxo en valor a axilidade administrativa da convocatoria, lembrando que a resolución das axudas se produce apenas semanas despois da publicación das bases e destacando que a Deputación abonou en tempo récord o 100 % das subvencións correspondentes á convocatoria do pasado ano.
Concluíu reiterando o compromiso da institución co tecido social da provincia e asegurando que “non hai mellor forma de investir estes recursos que poñéndoos nas mans das entidades, dos seus profesionais e dos seus voluntarios, que representan o mellor da nosa sociedade”.
Tres liñas de actuación
As axudas ás entidades sociais estrutúranse en tres liñas de actuación. A primeira para financiar prazas residenciais para persoas con adiccións ou familias en situación de exclusión severa, así como a programas de inclusión social e atención a necesidades básicas (10 proxectos). A segunda céntrase no apoio ás entidades que traballan con persoas afectadas por enfermidades crónicas e colectivos de especial vulnerabilidade social (47). Finalmente, a terceira liña financia actividades de sensibilización, divulgación e educación orientadas a promover a inclusión, combater estigmas e fortalecer a cohesión social (4).
Un dos aspectos máis destacados da convocatoria é que 32 proxectos recibirán o 100 % do financiamento solicitado. Entre eles atópanse 23 proxectos considerados esenciais, por solicitar menos de 10.000 euros, e nove proxectos cualificados como de excelencia ao superar os 90 puntos de valoración técnica.
As restantes 26 entidades beneficiarias recibirán achegas superiores aos 10.000 euros, determinadas en función da puntuación acadada polos seus proxectos.
Sete mesas redondas
A Xornada provincial do Terceiro Sector estivo organizada pola Área de Benestar da Deputación, para cuxos representantes, a deputada de Políticas Sociais Patricia Torres, e o director do departamento, Jose Juan Cerdeira, tivo palabras de agradecemento o presidente provincial.
Este encontro serviu para coñecer diferentes iniciativas impulsadas por unha trintena entidades sociais, ademais de asociacións rurais, que abordaron aspectos relativos á calidade dos servizos que prestan, o desenvolvemento de proxectos axustados á realidade do territorio ou o modelo de colaboración público privada.
Así, a través de sete mesas redondas, os profesionais, técnicos, voluntarios e representantes das entidades sociais asistentes á xornada tiveron ocasión de compartir experiencias e boas prácticas orientadas a mellorar a atención ás persoas e fortalecer a rede de servizos sociais da provincia.

