O Concello aproba a modificación do contrato co equipo redactor para adaptar o PXOM ao informe da Xunta 

Redacción

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou esta mañá nunha sesión extraordinaria e urxente a segunda modificación do contrato asinado o 30 de xaneiro do 2009 polo Concello de Ourense e a empresa Oficina de Planeamiento SA para a redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Ourense (PXOM), que fora previamente adxudicado pola Xunta de Goberno Local con data do 23 de decembro de 2008.

A modificación consistirá na realización dos traballos de adaptación do Documento de aprobación provisional do PXOM ao informe, do 13 de xuño de 2025, da Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta de Galicia.

A modificación implicará un aumento do importe do contrato en 92.879,31 euros, e do seu obxecto, que se amplía para recoller os traballos da dita adaptación, por un prazo de dous meses. Este proceso desenvolverase en dúas fases (de redacción da documentación provisional e definitiva), e abonarase á adxudicataria o 50 % do prezo do contrato ao remate de cada unha delas.

No acordo, a Xunta de Goberno Local tamén aproba e dispón o gasto, por importe de 92.879,31 euros (desagregado en 76.759,76 euros de principal e 16.119,55 € de IVE).

Comparte este artigo